O célebre hispanista Ian Gibson asinou esta semana o libro de honra do Concello de Nigrán despois de que o alcalde, Juan González, o levase ao parque dedicado a Xosé Vázquez Grela e á tumba do Ceán onde descansa este mestre nacional ‘paseado’ o 12 de setembro de 1936 ao carón das Angustias. Visitou tamén o lugar de traballo do rexedor, historiador especialista na Guerra Civil e autor do libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra’, no que aborda, entre outras, a figura de Grela. Na visita estivo tamén acompañado por Pablo Romero-Fresco, veciño de Nigrán e director do recente estreado documental ‘Donde acaba la memoria’, peza na que retrata a figura de Gibson (motivo da súa visita a Galicia). “Confeso que persoalmente é un soño cumprido coñecer a Ian Gibson e poder traelo a Nigrán”, recoñeceu González tras exercer de guía.

“Los maestros de la República eran los más odiados por el Régimen. Pienso en Grela y no puedo evitar acordarme de los últimos momentos de Lorca, asesinado precisamente junto al maestro Dióscoro Galindo”, sinalou ante o panel dedicado a Grela e mentres tomaba notas nunha pequena libreta. Este pensamento o reproduciu despois ante o propio público do Auditorio do Centro de Negocios, onde recoñeceu que ten esperanzas de que se recuperen os seus osos precisamente grazas á familia de Galindo, que ten reclamado a Europa a súa busca. “No quisiera morirme sin que se hayan encontrado los restos de Lorca, es una cuestión de voluntad de la administración, con los medios técnicos que hay hoy en día es sencillo dar con su paradero”, dixo esperanzado ao tempo que sinalou o parque García Lorca de Alfacar (Granada) como o lugar máis probable por ser que lle indicou o seu enterrador décadas atrás. Neste sentido, lamentou a postura da familia de non querer localizalos.