Co curso académico recentemente iniciado, a Concellería de Benestar de Gondomar vén de poñer en marcha unha aplicación para atender as demandas e suxestións dos usuarios dos comedores escolares dos municipio. Baixo o nome de “Colechef” búscase centralizar nunha única aplicación toda a información e xestión estes espazos, facilitando a relación cos titores. Ofrecerase información detallada de cada neno de forma moi visual, sobre os menús que se serven diaria e mensualmente, cos datos nutricionais e alérxenos de cada un deles.

Por outra banda, poderanse coñecer de primeira man as propostas de menú adaptado ás intolerancias alimentarias ou dietas especiais que os escolares poidan requirir nalgún momento. Tamén se poderán consultar receitas equilibradas para as ceas e recomendacións de xantares saudables.

Ademais, permitirá realizar as xestións de forma rápida, tanto as puntuais ou frecuentes como as que xorden de maneira inesperada; rexistrarse para iniciar algún dos servizos, comunicar altas, baixas ou modificacións ou xestionar a asistencias extra ou ausencia ao comedor.

Desde a Concellería de Benestar insístese na necesidade de que todos os usuarios do servizo se dean de alta. Calquera dúbida ou dificultade que poida xurdir poderase consultar enviando un correo electrónico aos enderezos soporteapp@colechef.com ou ssocial@concellodegondomar.com ou chamando ao número de teléfono 986 36 01 68.