Decenas de artistas plásticos de Galicia e Portugal reuniranse mañá na novena edición “Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández - Eurocidade Cerveira-Tomiño”.

O concurso organizado pola Eurocidade coa colaboración do Concello de Tomiño e a Cámara Municipal de Cerveira, terá lugar en Goián e en Vila Nova de Cerveira.

Participarán tanto adultos como nenos e nenas acompañados por adultos, que se inscribiron previamente.

O tema será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante se puido descargar da páxina web da Eurocidade. O procedemento e a técnica serán libres.

A obra deberá realizarse ao aire libre, do natural, non vale usar fotografías e realizaraes in situ. As persoas inscritas deberán estar mañá entre as 9.30 e 11.30 horas na Aula Museo Antonio Fernández, na praza de mesmo nome, en Goián, co obxecto de que a organización sele e numere o soporte.

A de mañá será a novena edición e de novo é de balde para todos os participantes. Debido a situación de pandemia os participantes deberán gardar distancia aínda que escollan o mesmo lugar para pintar.

Premios

Para categoría adulta haberá tres premios de 1.500 euros o primeiro e de 500 euros o segundo e terceiro.

En categoría infantil haberá dous premios; o primeiro un diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€ euros e o segundo, diploma e material de pintura valorado en 25 euros.

En categoría xuvenil daranse dous premios; cadanseu diploma e material de pintura, valorado en 100 euros para o primeiro e, en 50 euros para o segundo.

As bases completas poden consultarse na páxina web do Concello de Tomiño (www.tomino.gal) ou na da Eurocidade Cerveira-Tomiño (www.eurocidadecerveiratomino.eu).