O Concello de Salvaterra de Miño recupera este verán o seu campamento de conciliación familiar os meses de xullo e agosto. Nesta edición, amplíase o horario dos anos anteriores ao ofertar aula matinal e comedor. Por outra banda, darase prioridade ás familias monoparentais ou cos dous pais traballando.

Este ano debido as obras que se realizarán no verán no CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, o campus de verán trasladarase ao CEIP de Leirado, coa finalidade de buscar un espazo que se adapte ás necesidades e a realidade da situación sanitaria.

O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, os meses de xullo e agosto, en horario de 8.45 a 14.15 horas. A aula matinal funcionará desde as 7.30 horsa e o comedor ata as 16.00 horas. A inscrición estará aberta até o 17 de xuño.

Ponteareas e Covelo tamén ofertan campementos de verán para axudar ás familias a conciliar durante as vacacións escolares.

O Campus Tea de Ponteareas será por quincenas, no CEIP Nosa Señora dos Remedios, e está enfocado a nenas e nenos de 3 a 12 anos. Terá aula matinal desde as 7.30 horas e estará aberta a inscrición ata as 14.00 horas.

En Covelo, o campamento será en agosto, de 8.30 a 15.00 horas, para nenas e nenos de 3 a 12 anos. Inscrición até o 25 de xullo.