Tomiño participará, a través do seu Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” na celebración do Día Internacional do Medio Ambiente, que cada ano se conmemora o 5 de xuño. Convidado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, o Concello sumarase á Campaña #UnÁrbolPorEuropa, promovida polos mozos europeístas de Equipo Europa (a proposta de David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo) sumándose así aos 450 municipios que plantaron xa máis de 9.000 árbores.

No caso de Tomiño, será unha ducia de especies autóctonas as que se plantarán a carón do edificio de Benestar Social, no barrio da Rocha. O acto simbólico, organizado polas concellerías de Medio Ambiente e de Mocidade, terá lugar o xoves 3 de xuño e participarán compoñentes do Consello da Infancia e Adolescencia e autoridades municipais. Tras a plantación descubrirase unha placa en madeira conmemorativa realizada polo artista local Ignacio Moure.

O obxectivo é conseguir que tantos municipios como sexa posible, se unan á campaña antes do 5 de xuño de 2021, Día Internacional do Medio Ambiente.