concertos

Salceda acolle un festival de música de cámara en contornas naturais

A Carballeira da Igrexa en Budiño e a Poza do Cabalo na Picoña son os escenarios das actuacións deste sábado

l. c.

O Concello de Salceda de Caselas e a Banda de Música Cultural de Salceda organizan o I Festival de Música de Cámara. Ao longo deste mes de maio, a agrupación musical estase a desprazar polas diferentes parroquias do municipio para actuar en pequenos grupos de cámara en contornas naturais. Sempre con capacidade limitada e se a meteoroloxía o permite.

Logo de pasar xa por diversos escenarios como o Borralliño en Soutelo, Penedo Redondo en Parderrubias, Agoeiros e o torreiro da Ascensión en Entenza, o percorrido de concertos ao aire libre continúa esta fin de semana. Hoxe sábado, ás 13.00 horas, está prevista unha actuación na Carballeira da Igrexa en Budiño e pola tarde, ás 20.30 horas, outra na Poza do Cabalo, na Picoña. Mañá domingo, será o último dos concertos, ás 20.30 horas, na Carballeira da Laxe, en San Xurxo.

Dende a organización agradecen a colaboración das comunidades de montes para facilitar a celebración desta iniciativa que se enmarca dentro da programación do 17 de maio.

“En galego, agora e sempre”

Un programa, o do Día das Letras Galegas adicado a Xela Arias, que trouxo diferentes eventos e actividades a Salceda de Caselas neste mes e cuxo broche de ouro será o vindeiro sábado, día 29, ás 11.30 horas no cemiterio parroquial de San Xurxo, co acto de sinatura de vontades galeguizadas “En galego, agora e sempre”.