Tradicionais como as de bacallau con pasas, choco ou lacón con chourizo; innovadoras como as de queixo con marmelo e noces ou de lagostino e con ingrediente sorpresa como a catro camiños ou bastión. Así é a gran variedade que empanadas que serve unha decena de establecementos hostaleiros do Concello de Gondomar. Todos eles están a participar estes días da Festa da Empanada. Trátase da oitava edición deste evento gastronómico que se celebra por diferentes bares, cafeterías e taperías da vila que ofrecen, dende o pasado xoves e ata mañá domingo, racións de empanada ao prezo unificado de 2,50 euros.

A organización corre a cargo da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (Ovalmi) e o Concello de Gondomar.

Premio á mellor empanada 2021

As diferentes receitas competirán polo premio á mellor empanada do público. Así, logo de degustala, cadaquén poderá valorala cubrindo unha papeleta que terá a súa disposición nos diferentes establecementos participantes nos cales tamén haberá unha urna para depositala e entrar así no sorteo de catro vales de 25 euros cada un para consumir nos propios locais.

Como novidade este ano, un xurado profesional valorará as empanadas para outorgar un premio especial patrocinado polo Parador de Turismo Conde de Gondomar.