medio ambiente

Porriño recicla, supérase e consegue o reto

Como premio da campaña gaña 2.000 euros que doa a Aceesca

Instalación do contedor amarelo xigante diante do Concello.   | // D. P.

Instalación do contedor amarelo xigante diante do Concello. | // D. P. / l. cOSTAS

l. cOSTAS

O Concello do Porriño foi un dos 15 municipios galegos ao que Xunta e Ecoembes lle propuxo o reto de incrementar nun 10% a reciclaxe dos residuos do contedor amarelo. Conseguiuno e logrou un premio de 2.000 euros que vén de doar á Asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual, Aceesca

Durante os meses de febreiro, marzo e abril os veciños do Porriño conseguiron incrementar un 10% a reciclaxe de latas, briks e envases de plástico respecto ao mesmo período do pasado ano. Esta foi a proposta, a modo de reto que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xunto con Ecoembes lles propuxo a unha quincena de municipios galegos estratéxicos.

Porriño uniuse ao reto e para conseguilo leváronse a cabo unha serie de accións de comunicación e actividades coas que se pretendía comprometer á cidadanía na mellora das cifras de reciclado dos residuos depositados no contedor amarelo, como foi, precisamente, a instalación dun colector xigante na Praza Arquitecto Antonio Palacios, diante da casa consistorial, ensinándolle aos veciños como separar correctamente o lixo.

O premio por acadar o obxectivo marcado é unha achega económica de 2.000 euros que os concellos deben doar a unha causa social local e que neste caso particular, por acordo do goberno municipal, serán doados a Aceesca.

Ponteareas e Tui

Os municipios de Ponteareas e Tui foron os outros dous da bisbarra que participaron da campaña e, igualmente, lograron o reto “Recicla e Supérate”. En total, 9 dos 15 municipios participantes este ano cumpriron o reto de aumentar nun 10%, como mínimo, os residuos depositados no contedor amarelo.