formación

Obradoiro de motivación e habilidades para buscar traballo en Tui

Será o mércores 26 con asistencia presencial ou en liña

l. c.

O Concello de Tui, a través da concellería de Formación e Emprego, organiza un obradoiro sobre “Motivación e habilidades para buscar traballo” a cargo de Pedro Rodríguez, consultor, formador, adestrador e poñente en habilidades sociolaborais de Océano. Terá lugar o mércores, 26 de maio, de 10.00 a 12.00 horas e poderase asistir de xeito presencial, na Aula CeMIT na Área Panorámica, ou en liña a través de Zoom. En ambos casos é preciso inscrición previa escribindo un correo electrónico ao enderezo orientación@tui.gal.

Á hora de enfrontarse ao mercado laboral a actitude coa que se realiza a busca de emprego inflúe directamente nos resultados que se obteñen. Neste obradoiro Pedro Rodríguez achegará aos participantes as claves para incrementar o nivel de motivación, para identificar e mellorar as habilidades para a inserción, e para facilitar o autocoñecemento profesional e persoal. Tamén abordará como potenciar a proactividade e a creatividade na busca de emprego. Outro dos contidos que se tratarán no obradoiro serán a situación actual do mercado laboral, as calidades dos profesionais máis demandados ou que facer para buscar traballo hoxe en día.