FESTAS

A Feira do Viño do Rosal volverá ser presencial

Concello e adegueiros traballan xa na XXIX edición que se celebrará o 16, 17 e 18 de xullo

l. c.

O Concello do Rosal e os adegueiros do municipio traballan xa man a man para poñer en marcha unha nova edición da Feira do Viño do Rosal adaptada ás novas circunstancias. O obxectivo é recuperar parte do carácter presencial para celebrar a XXIX edición o 16, 17 e 18 de xullo cun programa no que se combinarán retransmisións en directo a través de Internet con actividades ao aire libre, que devolverán parte da súa esencia a esta festa de interese turístico.

Tendo en conta a evolución da situación sanitaria e as restricións que se prevén aínda vixentes en xullo, a organización traballará para implementar todas as medidas de seguridade necesarias nas actividades presenciais, que contarán, por exemplo, con limitación de aforo. “Un ano máis readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por continuar facendo da nosa feira un evento singular, capaz de adecuarse á situación que estamos a vivir”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández.