A Clásica Álvaro Pino será o domingo 3 de outubro en Ponteareas. Unha marcha ciclodeportiva, non competitiva, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C.

A alcaldesa de Ponteareas e o homenaxeado Álvaro Pino. | // FDV

Un percorrido de 110 quilómetros polas estradas do Condado-Paradanta que arrancará ás 9.30 horas, na Praza de Bugallal de Ponteareas.

A presentación da proba no salón de pleno serviu de homenaxe ao exciclista ponteareán polo 35 aniversario da súa vitoria na Volta a España.

No acto, Álvaro Pino amosou o seu agradecemento pola iniciativa que supón a volta dunha marcha con 13 anos de historia e un gran prestixio a nivel nacional, sendo hai anos a proba máis numerosa en Galicia, e sinalou que se involucrará no evento na medida das súas posibilidades, á vez que prometeu “poñerse a adestrar duro” para o próximo 3 de outubro.

A marcha volverá tras cinco anos sen celebrarse. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, agradeceu á organización e a todas as institucións e patrocinadores que fixeron posible a súa volta ao Condado, e destacou que é moi importante para Ponteareas, non só pola tradición ciclista que ten o Concello que conta con tres ponteareáns que gañaron a Volta a España (o propio Álvaro Pino, e os irmáns Delio e Emilio Rodríguez Barros)senón porque tamén supón unha reactivación do deporte nestes tempos da COVID-19.

Os membros da asociación deportiva Plan C, xunto con Álvaro Pino, foron os encargados de detallar esta nova edición da Clásica Álvaro Pino. Para eles é unha “nova e ilusionante etapa” encamiñada a situar a proba como un dos máis importantes referentes a nivel galego.

O percorrido deseñouse pensando tamén en dotalo dunha gran beleza paisaxística contribuíndo deste xeito tamén “á promoción de novos enclaves da comarca de Condado-Paradanta”. Pasará polo curso dos ríos Miño e Tea e por monumentos como o Santuario da Franqueira ou o Castelo do Sobroso.

A Clásica Álvaro Pino pasará por sete concellos: Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra.

Polo de agora, están previstas 300 inscricións, respectando os límites que se marcan debido ás restricións actuais, pero os organizadores son positivos e esperan que a situación epidemiolóxica mellore e se poidan abrir máis inscricións.

Os interesados en participar poden inscribirse a través da páxina web www.clasicaalvaropino.com, onde se irán abrindo paulatinamente, de 100 en 100, sendo as primeiras 100 as que teñan un custo menor, e así sucesivamente coas seguintes quendas.

O percorrido de 110 quilómetros comezará en Ponteareas, onde tamén estará a meta. O tramo inicial será neutralizado e o resto de velocidade libre. Con todo tentarase reagrupar aos corredores nos avituallamentos marcados na Cañiza e en Covelo.

A marcha terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, segundo adiantan os organizadores. A marcha pasará por 3 altos de montaña; Piñeiro, Moncelos e Luneda, sendo este último cronometrado.