O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño vén de participar por segunda vez consecutiva na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate para darse a coñecer. O xeodestino sorprendeu ao público participante cos seus novos produtos, con todos os recursos desenvolvidos durante este último ano para chegar ás persoas visitantes e coa súa última campaña, ‘Toda Galicia na túa man’.

Antonte, no stand oficial de Galicia en Fitur, a alcaldesa de Mos e representante institucional do Xeodestino, Nidia Arévalo, e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Garrido, foron as encargadas de facer balance dos dous anos de bagaxe do xeodestino e adiantar a dirección que seguirán os próximos produtos turísticos de calidade baseados nos recursos, identidade e tradición do territorio conformado composto por 14 concellos da bisbarra: A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. A pesar das diferentes realidades de todos estes municipios, o xeodestino consigue aglutinalos a todos para unha xestión turística unificada, optimizando recursos e creando produtos turísticos diferenciados

No último ano o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño traballou para a posta en marcha de catro novas rutas turísticas centradas na pedra e no patrimonio oculto para visibilizar as posibilidades turísticas do territorio, deseñáronse dúas novas postais sonoras coa illa de San Simón e a Virxe da Rocha como protagonistas, artellouse un banco de imaxes con 350 fotografías, puxéronse en marcha a web e redes sociais do xeodestino e elaborouse un novo vídeo que, baixo o lema ‘Toda Galicia na túa man’, servirá para promocionar o territorio.

Xacobeo 2021-2022

Durante o 2021 o xeodestino está a dar continuidade ás actuacións xa postas en marcha o pasado ano, con especial énfase na creación de contidos turísticos e novos formatos. Así, tendo en conta o Xacobeo 2021-2022, o Camiño de Santiago está a ter un especial protagonismo con accións encamiñadas a aumentar a estancia posterior no territorio de peregrinos, visibilizando os principais atractivos da contorna das dúas variantes oficiais que pasan polos concellos do xeodestino. Tamén se está a apostar pola enogastronomía como eixo central de novos produtos turísticos en base ao potencial vitivinícola e ás festas gastronómicas do territorio, conformando unha oferta singular, sustentable e desestacionalizadora que combine tradición e innovación.

Por outra banda, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño porá en marcha tamén liñas de traballo que faciliten ás empresas o deseño de produto turístico comercializable, fomentando o traballo en rede e a creación de sinerxías. Ademais continuarase coa actualización de contidos, crearase novo material audiovisual, ampliarase o banco de imaxes e desenvolverase material para que as oficinas de turismo acheguen o territorio a todas as persoas visitantes.