O conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena no Concello do Rosal acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Un logro que supón un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia, para o que contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras, con especial implicación do seu actual presidente, Xoán Carlos Gándara, promotor da iniciativa. “Para nós é importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no municipio e estas árbores non soamente contaban coas condicións idóneas para ser incluídas no catálogo polo seu porte, senón tamén pola paraxe singular na que se atopan”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández

Singularidade

Na solicitude destacáronse os principais valores destas catro árbores singulares, pertencentes á especie Quercus suber con excepcionais características no seu porte e dendrometría, especialmente os tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores teñen un perímetro que oscila entre os 3,8 e os 4,3 metros e forman entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 metros no eixo maior e 23 no menor.

Outra das características que influíron na súa inclusión no catálogos son os seus notables valores estéticos e paisaxísticos ao atoparse ao pé da capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado, e o valor histórico do conxunto, situado a carón dun xacemento arqueolóxico.

Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados a día de hoxe preto de 200 árbores e formacións senlleiras espalladas por toda a comunidade galega.