O xénero Camellia é orixinario das rexións tropicais e subtropicais de Asia suroriental, China e Xapón. A climatoloxía e acidez do terreo en toda Galicia e moi particularmente nas Rías Baixas favorecen o cultivo deste arbusto e inducen unha larga floración. Coincidindo precisamente con esta etapa son varias as localidades da bisbarra que organizan actos para enaltecer esta planta. Esta fin de semana celébrase a VI Mostra da Camelia Cidade de Tui, en Salceda de Caselas rendéronlle tributo fai uns días e en Soutomaior locen nos escaparates comerciais e tamén nos xardíns do Castelo, que acollen nesta época percorridos botánicos.

Las camelias del Castillo de Soutomaior: Un tour botánico para los cinco sentidos

Las camelias del Castillo de Soutomaior: Un tour botánico para los cinco sentidos Agencia ATLAS

Os Amigos Tudenses da Camelia (Atuca) organizan dende onte e ata mañá domingo mostras itinerantes e virtuais. Así, por un lado programouse unha exposición virtual, mediante a instalación de cinco pantallas, en diferentes lugares da vila, nas que se proxecta un vídeo relacionado coas camelias e outro a modo de resume das edicións anteriores; e, por outra banda, escaparates do comercio local conforman unha mostra itinerante das mellores variedades de camelias que florecen en primavera, acompañadas de diversos obxectos decorativos.

Esta é proposta formulada, e adaptada ás circunstancias actuais, para que a cidade fronteiriza non se quedara este ano sen feira da camelia por mor da Covid-19. Con todo, dende a organización esperan recuperar en 2022 o formato de expositores na Área Panorámica, onde na última edición presentáronse máis de 50.000 variedades desta flor.

Camelia japonica variegata de 1827 no lugar do Souto, en Caldelas de Tui, propiedade de Fernando Dacosta. FDV

Tamén en Salceda de Caselas, as camelias saíron á rúa. O municipio celebrou as XII Xornadas da Camelia o pasado sábado e domingo, como cada terceira fin de semana do mes de marzo dende hai xa unha ducia de anos. En edicións anteriores, era o auditorio que se enchía de camelias, expoñéndose nel as diferentes composicións florais, pero neste contexto de pandemia sanitaria, optouse por habilitar cinco puntos, ao aire libre, conformando un recorrido por toda a vila: as prazas do Concello e da Devesa, os parques da Gándara e Raíña Aragonta e o mercado de abastos municipal. Así mesmo, os expositores limitáronse aos propios da localidade, uns 16, ao fronte dos cales estiveron unha vintena de persoas entre asociacións e particulares.

A maiores organizouse unha mostra virtual cuxa participación implicaba o envío dunha fotografía na que esta flor fose a protagonista. Foron en total máis de medio cento de imaxes as recibidas e publicadas nas redes sociais do Concello.

Un dos escaparates de Soutomaior decorado con camelias. D. P.

O Concello de Soutomaior non organizou este ano o certame con xurado como se fixo noutras ocasións e que desta vez acadaría a súa vixésima edición. Con todo, tampouco quixeron que a pandemia impedise render tributo á camelia e convidaron a todos os establecementos comerciais do municipio a decorar os seus escaparates con flores e plantas deste arbusto como xa se facía tradicionalmente, de feito esta era unha das categorías do concurso.

Preto de 40 comercios participaron na iniciativa e con tal motivo dende o Concello entregóuselles un obsequio a modo de agradecemento. A maiores estase realizando un vídeo con todos os escaparates adornados.

Excelencia internacional

Este é o terceiro ano consecutivo que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un percorrido botánico polo xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior para poder desfrutar dos históricos exemplares de camelias en flor.

Este ano o itinerario inclúe como novidade a visita ao “Xardín de Camelia con nome de muller, o espazo creado no pasado ano 2020 coa plantación da primeira camelia María Vinyals, e completado logo coas variedades Rosalía de Castro, Bella Otero e Jane Andersen.

As visitas guiadas tamén teñen unha parada na plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.