A chegada da primavera activa ás raíñas de vespa velutina e é o momento de comezar a colocar trampas para intentar frear a súa expansión e a ameaza que supoñen estes exemplares asiáticos para as nosas abellas.

Este ano sen dúbida as condicións climatolóxicas adversas axudan a erradicar esta praga pero sen dúbida o trampeo é a mellor das estratexia para atacar a esta especie invasora.

Nesta época as raíñas de vespa velutina comezan a saír na procura de alimento para elas, buscan azucre para sobrevivir e poder iniciar despois a elaboración dos niños primarios. Nas zonas da costa de Galicia é tempo xa para empezar a colocar as trampas e con tal motivo concellos da bisbarra como Gondomar, Nigrán e Porriño retoman o reparto de material entre os seus apicultores.

Gondomar

A concellería de Medio Ambiente de Gondomar fixo entrega dun cento de trampas a 50 apicultores do municipio para evitar a formación de niños e a proliferación das vespas velutinas nos meses nos que esta especie inicia a súa reprodución.

As trampas servirán para atraer ata elas ás raíñas, coincidido cos meses nos que constrúen os niños primarios nos que manteñen ata a 50 novos exemplares, que posteriormente construirán os niños secundarios moito máis grandes e en máis cantidade.

Cada un dos apicultores recibiu un par de trampas xunto a dúas dose de líquido atraente para enchelas, así como unha pequena explicación por parte dos técnicos do seu funcionamento.

Ao acto de entrega asistiu o rexedor do municipio, Paco Ferreira, acompañado polo edil de Medio Ambiente, Brais Misa, e lembrou que “dende sempre o noso goberno mostrou a súa disposición para axudar aos apicultores ou a quen se vía afectado por esta especie invasora, o ser fundamental a colaboración entre administracións aínda que a responsabilidade de prestar os medios e a axuda é da Xunta de Galicia, a través do 012”. Fixo fincapé en que ese debe ser o teléfono ao que se dirixan aqueles que detecten un niño de velutinas para que llo retiren pero conscientes de que a resposta “é demasiado lenta o non cumpre os prazos indicados” veciños expertos veñen realizando esta tarefas desde hai tempo.

A eles agradecéuselles o traballo realizado e o pasado ano fíxoselles entrega de tres traxes de protección integral e materiais específicos para que realicen este labor, que desenvolven de forma altruísta.

No que levamos de ano retiráronse 32 niños de vespa velutina, aos que se suman os preto de 200 do 2020. A avespa velutina é unha especie que supón un risco para a biodiversidade xa que afecta directamente á produción apícola e frutícola, ao estar a súa dieta formada basicamente por abellas e froita.

Nigrán

O Concello de Nigrán vén de adquirir 400 trampas para vespas velutinas co obxectivo de distribuílas entre a veciñanza agora que as raíñas finalizan a hibernación e comezan a construír niños. Os interesados poden pasar pola Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 09.00 a 14.00 horas, onde se lles entregarán dúas trampas e líquido atraente

“Este é o momento de poñer trampas nas árbores froiteiras ou zonas de flores porque xa comezan a saír as raíñas, no verán xa non ten sentido porque están os niños feitos”, explica Alfonso Vázquez, edil de Sanidade e apicultor afeccionado, quen chegou a contabilizar nunha soa primavera 2.000 raíñas atrapadas en só unha ducia de trampas. “Cada reina é un futuro niño, polo que isto evita milleiros e milleiros”, indica o edil, quen subliña a importancia de colocalas entre marzo e abril. Ademais, aínda que o Concello dispón de líquido atraente que tamén entrega con cadansúa trampa, Vázquez ofrece a receita caseira, consistente nun litro de viño tinto, outro de cervexa, 1 quilo de azucre e un chorro de vinagre, conservado todo nun bote hermético.

Porriño

No Porriño o Concello fixo tamén unha nova entrega de trampas. O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal, entregou a José Porto, en representación dos apicultores do municipio, materiais para a loita contra o avance da vespa velutina. O concelleiro achegou 120 litros de líquido atractivo e 30 trampas para protexer as colmeas da abella autóctona e a produción do mel galego. Sergio Casal explicou que con esta nova achega xa hai máis de 300 trampas instaladas e distribuídas entre os produtores de todo o municipio para combater a praga da vespa velutina