Os panadeiros porriñeses están de parabéns. Logo dun intenso e longo período de tramitación, a Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, vén de expedir o título de Marca Española ao Pan do Porriño, o que o fai un dos máis selectos do país e único na provincia.

Trátase do primeiro recoñecemento oficial da tradición histórica da elaboración deste produto e do seu carácter, converténdose con elo, nun pan cunha protección propia.

O gremio considera este recoñecemento como “un éxito colectivo, xa que levábamos moitos anos traballando en potenciar e mellorar a imaxe do Pan do Porriño e este rexistro como Marca Española, é o primeiro paso para un impulso e difusión maiores”, explica o presidente da Asociación de Panadeiros do Porriño, José Manuel Fernández. “Foi o resultado dun arduo traballo, houbo que xustificar a composición do pan, as diferencias co resto, corroborar o control e tamén reunir toda a historia que hai detrás e que vén de fai máis de catro séculos”, sinala.

Asistentes a la Feria de Pan de Porriño, evento en el que se ensalza este producto. D. P.

Dende 1604

A tradición histórica do Pan do Porriño comeza a ser recompilada en 1604, data na que se ten constancia da primeira referencia escrita do pan trigo do Porriño, realizada polo rioxano frei Anastasio de Lobera que aseguraba que “el pan trigo que se gasta cocido sin comparación ecede a lo muy escogido de otras partes, siendo pocas en España las que pueden competir con lo de Orense, Tui, Lugo, el Porriño y otros lugares donde se vende”, o que acredita que se trata dun dos pans con maior antigüidade de Galicia e España. Esta tradición previa foi confirmada pola localización no Porriño da Real Panificadora que por motivos estratéxicos instalouse na vila do Louro e non en Tui e posteriormente, pola sona que adquiriu, unha vez desaparecida esta, polos moitos obradoiros artesáns que sobreviviron e que serviron para abastecer de pan a todas a tropas francesas. Foi a inicios do século XIX, cando o batallón do xeneral Dupont utilizou como subministro habitual na súa estancia na nosa comarca o coñecido entón como pan de munición.

Sendo como é ademais un produto no que prima a calidade, e para potenciar a súa distribución, xurdiu no ano 2005 a Asociación de Panadeiros do Porriño, unha asociación promovida polo Concello do Porriño para potenciar a tradición panadeira e salvagardando o segredo da súa elaboración e promovendo actuacións que fagan del un produto que conte cos máis altos certificados de calidade.

A tradición prosperou con moitos obradoiros ata actualidade, onde se produce un proceso de modernización pero sen perder a súa elaboración artesanal. Así, ante a necesidade de protexer o Pan do Porriño fronte a outras alternativas máis industriais e para potenciar a súa distribución, xurdiu, no ano 2005 e impulsada polo Concello, a Asociación de Panadeiros do Porriño. Os obxectivos eran, e seguen a ser, potenciar a tradición panadeira e salvagardar o segredo da súa elaboración, promovendo actuacións que fagan del un produto que conte cos máis altos certificados de calidade.

Indicación Xeográfica

Entre os seus fins fundacionais a asociación marcouse a agrupación de todos os panadeiros do Porriño (a día de hoxe está integrada por oito) en aras de optar á certificación de produto, logrado agora co rexistro de marca, e traballar na procura dunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para o Pan do Porriño.

Dende un primeiro momento, os panadeiros rexeitaron adherir o seu produto á IXP Pan Galego porque aseguran recollía unhas características comúns que o pan porriñés non cumpría, “precisamente é todo o contrario, mentres os pans desta IXP caracterízanse por ser elaborados con moita auga e fariña de forza, para o noso empregamos pouca auga e fariñas frouxas, dende sempre nesta zona houbo moita fariña e por tanto a cantidade de auga que se bota é moito menor”, explica Fernández.

De aí o afán do gremio por diferenciarse dos demais pans para o cal a consecución desta figura de protección xurídica “é un gran primeiro paso dun camiño que só acaba de comezar, que nos anima a seguir traballando para manter a nosa tradición panadeira e seguir tendo o cariño e aprecio da xente que desfruta do noso pan cada mañá”.

Non será ata o próximo ano cando comecen coa tramitación de solicitude dunha IXP propia. “será un proceso longo, duns cantos anos ata acadar o noso obxectivo”. Mentres tanto, as accións máis inmediatas, e sempre a expensas de como vai evolucionando a situación por mor da pandemia da Covid, son a promoción do pan, xa sexa de xeito presencial ou telemático “participar de feiras e eventos nacionais e internacionais, dando a coñecer o noso pan fóra das nosas fronteiras”.