Quedan poucos días para que se cumpran 318 anos daquel 24 de outubro de 1702. Conmemórase a Batalla de Rande, o máis importante combate naval librado dentro da Enseada de San Simón. "Unha loita de catro países diante das nosas ventás", así o define Pedro Otero, presidente da Asociación Deportiva e Cultural de Rande, entidade da cal xurdiu a iniciativa de celebrar este evento que conta coa colaboración do Concello de Redondela e que neste 2020 chega á súa sétima edición. "Un tributo aos protagonistas daquel acontecemento, aos cales algúns deles lles cobrou a vida".

Fálase de tesouros e galeóns. Dos primeiros pouco se sabe con gran certeza, "hai versións que din que xa se descargaran antes de afundirse os barcos e, ademais, hai que ter en conta que naqueles tempos considerábanse tesouros elementos que hoxe non temos por tal, é dicir, para nós tesouro supón ouro/prata, pero antano teas, sementes e outros produtos traídos dende as Américas eran tan ou máis valiosos aínda", explica Pedro Otero, presidente da asociación. "Así mesmo outro gran tesouro moi valorado por ingleses e holandeses eran os propios barcos, de aí que unha vez que romperon a fortaleza a armada española e os franceses decidiron plantar lume aos barcos, e precisamente de aí vén a expresión Arde Rande".

Polo que respecta ás embarcacións, si que existen restos e mesmo están xeolocalizados, tanto en terra como en baixa mar. Do mesmo xeito tamén hai documentación que da fe de que se levaron a cabo descargas en Redondela e dende alí transportouse ese cargamento valioso en carruaxes cara a Madrid, pero seguindo diferentes traxectorias para así lograr que algunha chegase ao seu destino, pois dise que durante o camiño foran asaltadas por ladróns.

Precisamente esa pasaxe da historia foi a que se representou o pasado sábado cun desfile polo centro da vila dos viadutos e cunha teatralización final na Alameda de Castelao. "A modo de chamamento previo, sempre uns días antes organizamos unha representación, neste caso unha vintena de persoas puxemos en escena esa marcha de carros cara a capital que sufriron roubos, finalizando coa tetralización do fusilamento deses ladróns".

Na directiva da asociacións son unhas 15 persoas pero son máis de medio cento en total, entre veciños e chegados de fóra, as que se involucran na celebración da conmemoración deste fito histórico onde a idade non é un condicionante, así o máis pequeno ten 4 anos e o maior preto dos 70. "Nós mesmos deseñamos e confeccionamos artesanalmente as vestimentas que logo se amosan nos diferentes desfiles", puntualiza Otero. Tamén son eles os que se suben ao escenario para representar as obras teatrais, tanto para nenos como para adultos, e protagonizan o baile dos campesiños, o desembarco, a propia batalla e o afundimento. Todo coma noutras edicións pero neste ano coas restricións, sanitarias e de seguridade, marcadas pola pandemia da Covid-19.

A programación desta fin de semana concéntrase xa na contorna do museo Meirande. Iniciarase ás 11.00 horas coa apertura do mercado tradicional e rematará coa representación naval da batalla con pirotecnia (20.30 horas) á que seguirá un espectáculo de lume (21.15 horas). Na xornada dominical volverá a haber desfile e teatro en horario de mañá.

11.00 h Apertura do mercado tradicional

11.30 h Chegada das embarcacións tradicionais

12.30 h Desfile inaugural

13.00 h Obra de teatro infantil "Unha historia pequena"

16.45 h 2º pase da obra de teatro infantil "Unha historia pequena"

17.15 h Teatralización da Batalla de Rande coa obra "Os Galeóns de Rande"

18.45 h O desembarco, a descarga e o asalto da fortaleza.

19.15 h Actuación de Sobre Rodas, Cantigas e Romances.

20.30 h O afundimento, Arde o mar. Representación naval da batalla con pirotecnia

21.15 h Espectáculo de lume a cargo de Asacocirco.

12.30 h Desfile

13.00 h Obra de teatro infantil "Unha historia pequena"

13.45 h Teatralización da Batalla de Rande coa obra "Os Galeóns de Rande"