Considerando que "a cultura tamén é un elemento de dinamización sociocultural e económico", dende o Concello de Tui presentan baixo o lema "Volvemos á rúa!", a programación cultural para este verán

Son unha vintena de eventos para os cales será preciso facer reserva previa de entrada na web www.enterticket.es e nos que se establece un protocolo Covid-19. A novidade deste ano é sen dúbida o autocine. Haberá dúas sesións, o 24 de xullo ás 22.30 horas proxectarase Grease e o 14 de agosto ás 22.00 horas Joker. Será no aparcamento municipal, na traseira da Área Panorámica, cunha capacidade de cen coches. Será nunha pantalla de 150 metros cadrados con sistema de son a través da sintonización da frecuencia FM que se indicará en cada proxección.

Para os domingos 26 de xullo e 16 de agosto están programados dous concertos a cargo de Leilía e Roi Casal na rúa Compostela.

A Banda de Música Popular de Tui ofrecerá concertos na praza de San Fernando os días 22 de xullo e 12 e 19 de agosto. Amais no eido musical actuarán as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo o 29 de xullo e o 5 de agosto, respectivamente.

A música estará moi presente os sábados e domingos ás 21.00 horas, entre hoxe e o 20 de setembro, con pasarrúas a cargo de grupos de gaitas, folclóricos e pandereteiras.

No Paseo da Corredoira os xoves haberá espectáculos de rúa con maxia con Dani García (23 de xullo), teatro de monicreques con Fantoches Baj (30 de xullo), novo circo con Sempre Arriba (6 de agosto), teatro con Ghazafelhos (13 de agosto) e danza con Pistacatro (20 de agosto).

O cinema estará tamén presente no Paseo Fluvial, onde se proxectará "E.T." (31 de xullo), "Peter Rabbit" (7 de agosto) e "Mascotas" (21 de agosto).

Programación de outono

A Axenda Corredoira Cultural recolle tamén un avance da programación do outono. Do 23 ao 27 de setembro poderemos gozar dunha edición especial de Play Doc e en outubro o IKFEM celebrará a súa oitava edición para reactivar a cultura transfronteiriza.