A historia de España, no transcurso de 50 anos, escríbese a través de 7 presidentes de goberno, dun golpe de estado a mans dun tenente coronel da garda civil ou do movemento 15 m, entre outros acontecementos. En Galicia, durante o mesmo período de tempo o socialista Emilio Pérez Touriño faise co goberno da Xunta despois de case dúas décadas de mandato do popular Manuel Fraga, un buque petroleiro asolaga as praias de chapapote e Angrois lembra a algo máis negro. Mentres, en Estados Unidos Barack Obama convértese no primeiro presidente afroestadounidense. No medio deste vaivén de fitos, feitos e sucesos, o condutor de Ojea Delfín Martínez mantivo a súa vida sobre rodas.

Martínez, natural da parroquia de Celeiros, cruzou por primeira vez as portas da empresa de autobuses Ojea cando tiña tan só 14 anos, concretamente o 23 de febreiro de 1970, como axudante de mecánica no taller. Máis tarde, "a partir dos 22 anos, que foi cando saquei o carné para poder conducir, empecei a realizar os roteiros de liñas e de escolares pola zona de Ponteareas", explica o condutor, que, logo de medio século, retira o seu volante e xubílase este mesmo mes.

Delfín Martínez foi testemuña dos cambios que se produciron na sociedade, nesas persoas que transportaba dun lado ao outro, ao longo de cinco décadas. Lembra que, durante a Ditadura, "os traballos eran diferentes, cuns soldos máis precarios" e fronte a esta situación, contraponse a percepción que tivo Martínez cando o presidente Adolfo Suárez atópase ao mando do goberno español xa que "comezaron as folgas e as manifestacións para cambiar o que se tiña ata ese momento". De feito, recorda que no seu sector "fíxose unha de parada total do transporte que durou un mes. Daquela, conseguiuse un aumento do 14% do soldo". Máis tarde, chegou a crise económica e, tal e como recoñece Delfín Martínez "todo estancou".

Na forma de entender o compañeirismo, Martínez tamén percibiu o paso das follas do calendario mentres seguía no abeiro de ferramentas mecánicas e paradas de autobuses. Explica que "había outro tipo de compañeirismo e eran outros tempos". O condutor asegura que, nos seus inicios, "miraba nos outros condutores e mecánicos unha harmonía. Un deles dicía unha palabra e, detrás, sempre saía o resto para apoiarse". Con todo, "agora é diferente". Recoñece que "é verdade que agora fanche un contrato de nove meses e iso fai que a xente tampouco se implique porque saben que logo dese tempo que asinan van marchar da empresa"

Non son poucos os recordos e anécdotas que Delfín Martínez atesoura xa no seu historial, pero hai un, especialmente, que fai que se intensifique o brillo nos ollos. Trátase de ver crecer a unha nena, que el mesmo levaba no roteiro escolar ao colexio, ata vela convertida nunha muller adulta, que, ademais, pasaría a ser a súa compañeira de traballo. Iso "encheume moito", asegura Martínez, quen explica que a primeira vez que houbo unha muller no persoal foi hai 10 anos. Un feito que, ao principio, chocaba porque nunca se deu esa circunstancia pero "a verdade é que nos acollemos todos ben a ela e ela a nós"

Como explica Delfín Martínez, que tamén foi delegado de empresa durante 10 anos, houbo algunhas ocasións nas que perdeu acontecementos familiares polo traballo como, por exemplo, "acórdome de estar nunha comida de nadal e chamáronme porque un autobús avariárase e levanteime da mesa e alá que me fun". Agora, as preocupacións sobre que peza é a que falla ou a hora exacta na que ten que chegar a unha parada deixan paso a preguntarse como será o seu futuro como pensionista. Martínez pregúntase "se as van a manter ou as van a baixar". Recoñece que é un asunto no que leva pensando xa desde hai un ano. Con todo, despois de medio século traballando, Martínez conduce agora unicamente para gozar da vida, "que xa toca".