O mercado ambulante que Ponteareas acolle os sábados gaña espazo no centro urbano para poder acoller máis de 130 postos de venda, de distintos sectores, cumprindo as distancias de seguridade esixidas.

Mentres dure a crise sanitaria, as rúas A Estrada, Fernández Vega e Concha Brey tamén acollerán postos de venda. Os cambios foron comunicados aos ambulantes afectados e foron aceptados pola inmensa maioría deles, segundo os concelleiros de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e de Promoción Económica, Eva Gil.

En maio, Ponteareas retomara xa a súa feira pero limitada apostos de produtos de alimentación e venda de plantas, aproximadamente uns 20.

A recuperación da feira contribuirá, segundo o Concello, á recuperación económica do comercio local. Mentres que o novo deseño realizado da feira coa incorporación de novas rúas garantirá a separación lateral entre postos de 1,5 metros e un espazo frontal diante de cada posto de 6 metros para que as persoas podan camiñar con espazo dabondo e seguridade.

As novas rúas que se verán atinxidas polas feiras e mercados e verán restrinxido o tráfico e os accesos rodados serán Concha Brey, Virxe dos Remedios, un tramo de Reveriano Soutullo, A Estrada e un tramo de Doutor Fernández Vega. O Concello facilitou información a residentes e comerciantes e instalará a correspondente sinalización.

Terrazas

Por outra banda, Ponteareas aprobou por unanimidade en pleno unha bonificación do 95% da taxa municipal de terrazas de hostalaría.

Este cambio na normativa municipal estará vixente no que resta de 2020 e en todo o ano 2021. Unha medida que acompaña á de flexibilizar a ampliación do espazo a ocupar na vía pública polas terrazas para que o sector poida cumprir as distancias da seguridade sanitaria co menor prexuízo para os negocios.

É unha medida para contribuír á reactivación económica dos establecementos que estiveron pechados durante tres meses.