A piscina municipal ao aire libre do Concello da Cañiza, en As Grades, está aberta desde o 1 de xullo cun aforo reducido ao 50% da súa capacidade e, segundo o consistorio, "con todas as garantías sanitarias".

A súa apertura requeriu un traballo intenso por parte dos empregados do Concello para poñela a punto e poder cumprir coas obrigacións sanitarias e de desinfección. Abriu "con todas as garantías sanitarias e medidas de prevención básicas para evitar a transmisión do sars-cov-2 e cumprindo estrictamente co decretado no estado de volta á nova normalidade" tranquilizan desde o Concello.

Este verán o seu aforo redúcese de 326 a 163 usuarios e usuarias ao día que poderán gozar da piscina en horario de 15.00 a 21.00 horas. A diferenza de anos pasados, pola mañá permanecerá pechada, para dar servizo exclusivo aos 45 nenos e nenas dos campamentos municipais de verán que accederán en horario de 11.00 a 13.30 horas.

As persoas interesadas en acceder á piscina de As Grades poderán reservar praza para o propio día chamando ao número de teléfono do camping, 986 652 126, en horario de 8.00 a 13.00 horas. Mentres que para a reserva do día seguinte amplíase o horario ata as 15.00oras. Esta medida horaria adoptada polo Concello permitirá aos monitores axustar o aforo e programar a axenda de citas. As reservas están condicionadas a que a entrada se efectúe entre as 15.00 e as 17.00 horas. Se uns minutos despois das cinco da tarde a persoa que reservounon aparece, perderá a quenda.

Para poder acceder á instalación, os usuarios e usuarias terán que pasar na entrada un control de temperatura con pistola térmica. Ademáis terán que calzar chancletas antes de acceder ao recinto. Só se poderá consumir comida tipo picnic (bocadillos, bebibles ou similares).