Unha vila pacífica e acolledora, situada no sur da provincia de Pontevedra, fronteira con Portugal, entre as confluencias dos vales formados polos ríos Miño e Tea, así é como se define Salvaterra.

O Parque público da Canuda, unido aos máis de 30 quilómetros de sendas verdes polos diferentes ríos do municipio, ao recinto amurallado, ao Museo da Ciencia do Viño, á propia maxia que conleva ser unha vila transfronteiriza e ao espazo termal lúdico de Teans fan que Salvaterra de Miño non sexa soamente un concello estratéxico en termos de turismo, senón que sexa un dos municipios que máis medra de toda a contorna, de aí o seu lema "Salvaterra de Miño un lugar para desfrutar, un lugar para vivir".

O inicio do percorrido turístico polo centro de Salvaterra, parte desde Praza da Constitución, onde se atopa a casa do Concello.

A poucos metros a pé, e xusto á beira do río Miño, que ao seu paso pola localidade fai as veces de fronteira natural con Portugal, é posible admirar a súa impoñente fortaleza. Esta construción pétrea érguese sobre un pequeno promontorio, lugar desde o que o visitante pode gozar dunha das mellores vistas panorámicas da vila. Tamén podemos divisar grandes horizontes desde o mirador de Monte Castelo, en Pesqueiras ou desde San Amaro, en Lira.

As murallas datan do século XVII e dan acubillo a edificios de gran riqueza arquitectónica como a Igrexa de San Lorenzo, a Capela da Oliva e a Casa do Conde cuxos orixes se remontan ao século XV. Con todo, o edificio insignia de Salvaterra é o Castelo de Dona Urraca, que, xunto ao recinto amurallado, foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1949. Na actualidade, este castelo de orixe medieval alberga no seu interior o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea D.O. Rías Baixas, un dos maiores espazos de divulgación sobre a enoloxía e viticultura da Península Ibérica.

Ademais desta ruta histórico cultural polo casco urbano temos opción a outra dúas rutas, a pacega que nos leva polas diferentes parroquias para contemplar diferentes exemplos de arquitectura nobiliaria a través de insignes residencias e a ruta verde, co paseo fluvial paralelo ao parque da Canuda e punto de partida dunha ruta de sendeirismo que transcorre polas beiras do Miño e do Tea.

Da Canuda non só cabe destacar a ampla variedade de árbores, plantas, animais de granxa ou aves que nos podemos atopar, senón tamén varias instalacións lúdicas e deportivas: o circuíto viario infantil (con sinais e semáforos), o gran parque infantil, a zona asignada para xogos tradicionais (mesas de ping-pong, xadrez, parchís ou mariquitilla), a zona de rehabilitación e ximnasia para maiores de 16 anos,. as fontes ornamentais, o estanque para patos, o lago navegable con servizo de paseo en barcas, o anfiteatro ao aire libre, a exposición de apeiros de labranza, a horta con plantas medicinais, plantas froiteiras ou roseiras, o xardín botánico de orquídeas (con máis 150 especies), a aula da natureza e instalacións multiusos, as piscinas municipais e as pistas de tenis, fútbol, baloncesto e skate.

Museo da Ciencia do Viño. Os contidos museísticos distribúense ao longo das dúas plantas do edificio. Na principal o visitante pode coñecer, a través dunha retrospectiva histórica, a arte milenaria da elaboración dos viños. Na inferior recréanse dous ambientes diferenciados: unha adega tradicional e outra industrial. Mediante unha serie de paneis, pantallas táctiles, vídeos, xogos e maquetas o visitante aprende, á vez que se divirte, as diferentes Denominacións de Orixe que existen en Galicia, as enfermidades da uva, as variedades cultivadas, os sistemas de plantación, as técnicas de enxerto, os labores de poda ou os diferentes procesos de elaboración dos brancos, tintos e espumosos.

Espazo termal Teans. Conta con 3 termas de auga quente e unha de auga fría ao aire libre que brotan desde o subsolo desde as marxes do Miño. As súas augas mineiro-medicinais e termais resultan útiles en procesos respiratorios e dermatolóxicos, así como para combater enfermidades respiratorias e dixestivas.