Covelo si abre este verán a súa piscina municipal ao aire libre, situada no centro da localidade, aínda que con restricións de cara a facer o seu goce seguro para os seus usuarios e usuarias. Este verán terán prioridade para entrar os empadroados e empadroadas do municipio.

Coa intención de limitar o aforamento, o Concello decidiu que o acceso á piscina requira cita previa polo que das 90 entradas que o Concello dará cada día, 65 estarán reservadas para covelenses.

As normas aínda non están publicadas e non son definitivas, pero o Concello prevé que se deba elixir ir pola mañá ou pola tarde. Haberá dúas quendas diarias; de 12.00 a 16.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

As reservas poderán facerse a través da páxina web do concello. Ningunha persoa, sexa empadroada ou non, poderá ir á piscina máis de doce veces cada mes, xa que as normas prevén un máximo semanal de reservas de tres á semana. As reservas poderán facerse ao inicio da quenda ou desde unha semana antes, segundo se queden prazas ou non, e prohibe a revenda de entradas facendo que sexan persoais por dni. A porta estará pechada e só se abrirá para saír da instalación cando a persoa decida marchar.

Os usuarios e usuarias, ademais de ducharse deberán desinfectarse as mans, cumprir a distancia de seguridade de dous metros e non estarán permitidos xogos de contacto físico. De igual xeito, non se poderán usar vestiarios e duchas interiores, o acceso aos baños será individual, deberá respectarse a distancia de seguridade entre os recintos delimitados e resto de instalacións e seguiranse en todo caso as indicacións dos socorristas e persoal encargado das instalacións.