"Bosques Terapéuticos" é un programa, presentado pola Deputación de Pontevedra, que nace para conxugar natureza, exercicio, saúde, cultura e historia e que promoverá durante este verán as visitas guiadas interpretativas a cinco parques forestais da provincia: Freaza (Fornelos de Montes), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia). Cada unha das rutas terá un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre o que xirará toda a actividade. Así, o proxecto conxuga as visitas guiadas coa interpretación dos elementos patrimoniais que albergan, como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. A actividade busca afondar na natureza para relaxar a mente e reducir o estrés.

Entre o 18 de xullo e o 27 de setembro ofrécense 30 visitas, seis a cada un dos parques, aptas para todos os públicos e cun total de 450 prazas (15 por ruta polas restricións derivadas do Covid-19). Precisamente, o pasado mércores, en menos de dúas horas esgotáronse as 30 prazas para participar nas dúas primeiras rutas en Cabo Udra e Freaza. O prazo de inscrición para todas as rutas está aberto ata catro días antes do comezo de cada unha delas, a través dun formulario en liña na web da Deputación.