A Cañiza é un dos concellos da bisbarra que reanudou a súa feira semanal. Fíxoo o pasado mércores, 20 de maio, despois de meses suspendida polo estado de alarma decretado polo Goberno a causa da crise sanitaria do coronavirus.

Ao redor dunha vintena de postos solicitaron participar na primeira feira reanudada dentro da fase 1 do plan para a transición cara a nova normalidade, ao flexibilizarse en Galicia as restriccións do estado de alarma

Nesta primeira fase de reanudación de feiras e mercadiños dase preferencia aos postos de venda de produtos de alimentación e primeira necesidade.

Mediante un decreto, o Concello cañicense reanudou o mercadiño e estableceu normas a seguir polos mercados, establecementos e locais, postos ao aire libre, consumidores e viandantes.

A feira acotouse ás rúas Oriente e Travesía do Mercado. E dotouse de tres puntos de acceso e saída nas que o Concello cañicense colocou dispensadores de xel hidroalcohólico para as mans; no acceso á rúa oriente, no inicio da rúa do Carme e na Travesía do Mercado.

Entre outras esixencias, o Concello estableceu que os vendedores garantan que non se manipulen os produtos comercializados por parte dos consumidores.Así como o distanciamento entre postos.

O Concello cañicense lembra que durante a feira a distancia entre os postos na vía pública e entre os viandantes deberá ser en todo momento a de seguridade, de dous metros.