Coñecer da man dos adegueiros da D.O. Rías Baixas da subzona do Condado como se elabora un bo viño, como é o proceso, como se coida o viñedo... agora é posible grazas a implicación de varias adegas nunha iniciativa do Concello de Salvaterra, desde o seu Museo da Ciencia do Viño, e da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos.

Os museos están para visitalos. Así é. Pero ademais de agardar que os visitemos, poden ser fontes de coñecemento vivo, ser interactivos, capaces de saír ao exterior para, mediante actividades prácticas, divulgar os seus contidos facéndoos máis atraentes par ao público.

O Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra de Miño, situado no interior do Castelo de Dona Urraca, así o está a facer desde o inicio deste ano mediante a colaboración entre a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos e o Concello. Xuntos puxeron en marcha unha ampla e variada oferta de cursos e actividades formativas para o 2020, un proxecto ambicioso e pioneiro en canto a volume e calidade de actividades programadas.

A actividade formativa itinerante polas adegas e na que se implican os seus profesionais da viticultura denomínase "Experiencias de adegas: da cepa á copa". En total serán 9 experiencias. A primeira arrancou en febreiro e a segunda será este mércores 11 de marzo: "Cata de solos e influencias da barrica en Toro". Esta última é gratuíta pero require inscripción no enderezo electrónico: museocienciavino@concellodesalvaterra.org ou no teléfono 617148866.

_Constitúen unha opción formativa interesante á que se anotan galegos e portugueses interesados polo coidado da viña e a elaboración do viño. Participar nalgunhas é gratuíto e noutras custa 5 euros.

As experiencias son mensuais e tanto a adega protagonista, sempre da comarca do Condado do Tea, como a temática a abordar cambiará cada mes.

En abril abordarase o mantemento do chan e as labras; En maio, o manexo de vexetación e a poda en verde; En xuño, as enfermidades e pragas da viña e os enxertos; En xullo, a limpeza de acios e o esfollado; En agosto, farase seguimento da maduración e tratarase a toma de mostras; En setembro chegará a quenda da vendima e a elaboración de viños brancos e tintos; Finalmente, en novembro farase un seguimento das distintas elaboracións.

Os interesados en inscribirse nestas experiencias formativas de tres horas deben facelo no Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra de Miño. O seu propósito é que os participantes, sen coñecementos previos e en pouco tempo, poidan entender moito mellor o viño e aprender a aprecialo.

A primeira acción didáctica celebrouse o mes pasado en Pazo San Mauro e finalizou cunha visita ás instalacións desta adega ademais de incluír unha cata de viños que os alumnos desfrutaron.

O primeiro ano do museo do viño

O Museo da Ciencia do Viño, que abriu en febreiro de 2019, acaba de cumprir o seu primeiro ano en funcionamento. Situado no interior do Castelo de Dona Urraca, en Salvaterra, estase a converter nun referente da viticultura e a enoloxía en España.

No seu interior difúndese todo o relacionado coa historia da viticultura en Galicia, a vide, o viñedo... e todas as labores da viña, como a poda, a vendima, ou o enxerto. O castelo presenta unha planta en forma de "L", que se tivo moi presente na realización da distribución dos seus contidos museográficos. O equipamento deste museo, utiliza recursos museográficos de última xeración, aplicacións multisensoriais, interactivos e todo tipo de recursos gráficos co que ofrecer un amplo percorrido das características da enoloxía da zona.

Os venres, sábados, domingos e festivos ofrece visitas guiadas ás 11.00 e ás 17.00 horas. A entrada individual de adulto custa 5 euros; os menores de 18 e os maiores de 65 anos, teñen desconto, así como os grupos. Máis información e reserva:617148866.