Cincuenta anos de matrimonio, un reto inalcanzable para moitas parellas. Cada vez son menos as relacións amorosas que acaban en casamento e moitas das que dan o paso non logran seguir xuntos ao chegar ao medio século despois de darse o "si quero". Dous veciños de Arbo, Inocencio Domínguez, de 77 anos, e Rosa González, de 70 anos, conseguírono e por iso son un dos matrimonios homenaxeados deste 2020 polo Concello de Arbo.

O consistorio arbense considera que os matrimonios que chegan xuntos ás vodas de ouro son merecedores dun recoñecemento público e por iso, desde fai anos, organiza, o primeiro domingo despois da celebración de San Valentín, unha homenaxe no auditorio municipal que, ademais de música, inclúe entrega de agasallos a maridos e mulleres polas súas cinco décadas de matrimonio.

En Arbo tan so casaron 5 parellas no 2018, último ano con datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) mentres que vinte anos antes, no 1998, foran 24 as parellas que acabaron en matrimonio na capital da lamprea. De ai que atopar parellas casadas con 50 anos de vida en común sexa cada vez máis infrecuente, en Arbo, e en todo o país.

"Eu sempre fun moi apurada para todo" explica Rosa, que casou con Inocencio o 18 de maio de 1969 e, dez días, despois iniciaba unha vida xunto ao seu home en Barcelona, onde el traballaba daquela na construción.

Por aquel entón era moi habitual casar cun veciño. Inocencio e Rosa eran os dous arbenses, aínda que el de San Cristovo e ela da Rocha.

"Eu tiña moi claro que ó meu marido quería escóllelo eu , non quería que ninguén decidirá por min con quen tiña que casar" explica Rosa, que recorda que conseguir ser moza de Inocencio non foi doado porque el saia cunha curmá súa e ela cun veciño del. "Eu sempre fun moi charlatana e el é moi serio, así que sabía que tiña que ter coidado de non espántalo" recorda.

A maneira de írense coñecendo as parellas cambiou moito nos últimos 50 anos. "Podiamos quedar para falar sentados á porta da casa os domingos pero só mentres era día. Cando ía sendo hora de que nos despediramos miña nai tusía e se tusía dúas veces tiñamos que despedirnos xa" lembra Rosa.

"Tamén podiamos ir ao cine pero antes de que fora noite tiñamos que estar na casa" relata Rosa, que a pesar daquelas normas que impedían as parellas estar xuntas todo o tempo que lles gustaría, defende aquel modo de "namorar" fronte o actual, moito máis rápido e impersoal.

"Pasaba como coa carne, como se comía poucas veces, cando a comías, sabíache a gloria. Pois co mozo, o mesmo, como so o vías o domingo, estabas esperando ese día cunha ansiedade" lembra con saudade. Ademais, quedar co mozo era como un "premio" para as mulleres e por iso debían facer antes os traballos correctamente. "Antes tiña que irlle buscar comida aos animais e que quedaran ben cheos, senón non me deixaban ir" explica.

Froito do seu amor, Inocencio e Rosa tiveron dúas fillas e un fillo: Rosa María, Sonia e Antonio. Viviron en Barcelona ata que Inocencio cumpriu 65 anos, e tras a súa vida na construción, como empregado primeiro e como empresario despois, xubilouse e o matrimonio vive desde entón na Rocha. "Inocencio encárgase das viñas e eu encárgome da horta" explica Rosa, feliz de ter volto a súa terra natal, aínda que sexa lonxe de dous dos seus fillos. Sonia vive en Barcelona, o seu fillo en México e so Rosa Mari volveu a Galicia.

Comunicación

Moita comunicación e saber escoitar e perdoar son os piares básicos dun matrimonio, segundo esta parella arbense de "ouro". "Claro que temos e tivemos discusións, pero entón sentamos no sofá e falamos e aí queda" explica Rosa, que 50 anos despois asegura alegrarse moito de terlle "botado o ollo" ao seu marido que, "aínda que moi cabezón é moi, moi bo".

"Eu creo que boa culpa de que as relacións non duren e que non falan entre elas, van co móbil todo o tempo e ata baten contra os paus da luz cando van andando" considera Rosa.

Fidelidade

Chegar "virxes" ao matrimonio era outro dos requisitos que se lles esixía socialmente fai 50 anos ás mulleres, pero non así aos homes. Rosa tamén cre que iso inflúe en que hoxe as parellas sexan menos duradeiras. "Agora de solteiras xa fixeron "tiqui-tiqui" con tantos que cando casan, non lles chega facer so "tiqui-tiqui" con un" opina Rosa, que asegura que aínda que tivo moitos mozos antes que Inocencio, "nunca ningún deles me deu nin un bico" asegura.