Os 35 anos de Ansuíña

O cuarteto de música tradicional de Vilanova celebra o seu aniversario publicando o seu primeiro traballo discográfico

Martínez, Nogueira, Lema e Casáis forman o grupo Ansuíña que celebra mañá o seu 35 aniversario.

Martínez, Nogueira, Lema e Casáis forman o grupo Ansuíña que celebra mañá o seu 35 aniversario. / FDV

A. G.

Eran tres rapaces de Vilanova e un de Cambados, que levaban desde moi pequenos tocando xuntos na Banda de Gaitas que dirixía Nando Casal, un dos integrantes de mítico grupo Milladoiro. Os catro ficaron orfos cando a banda desapareceu e optaron por dar un paso que os levaría a desfrutar da música tradicional e da súa amizade. Fai xa 35 anos dese paso, cando sendo aínda uns adolescentes, os catro decidiron por en marcha un proxecto musical chamado Ansuíña, como os illotes que se atopan no interior do Esteiro de Vilanova, esa lingua de mar que é unha das grandes características xeográficas dese municipio

Mañá, os catro celebrarán o seu aniversario dando a coñecer o primeiro disco que grabaron, centrado na música tradicional galega, onde algún deles desenvolveu gran parte da súa carreira, como é o caso de Paulo Nogueira, un dos integrantes, tamén, do grupo “Treixadura”. Ademais de Nogueira, como gaita segunda, o grupo está composto por José Luis Lema como gaita primeira, Marco Casáis ao tambor e José Martínez ao bombo.

O nome elixido para o primeiro traballo discográfico, que terá tan só versión dixital en diferentes plataformas musicais, non podía ser outro que o que levan paseando polas rúas de Vilanova e as súas parroquias desde hai 35 anos, o de Ansuíña.Ese primeiro traballo darase a coñecer no día de mañá, ás 20.00 horas, na antiga igrexa da Pastoriza, un escenario que foi rehabilitado recentemente, pero que non lles é alleo á súa longa historia. De feito, os catro comezaron a ensaiar hai 35 anos no interior desas vellas pedras, antes de que o abandono do edificio acabse provocando a súa ruina e que se pechase ao público. O disco tamén é a culminación de moitos anos de amizade, de amor pola música tradicional e de centos de kilómetros realizados en alboradas acompañados dos integrantes de moitas comisións de festas. De vfeito, eles mesmos definen este traballo como “un paseo musical polas rúas de Vilanova; unha alborada en xerga gaiteira” para reclamar a importancia da música tradicional en todas as celebracións e como parte da identidade cultural dos pobos. De feito, durante todos estos anos, a música a pé de rúa, en contacto directo coas persoas, foi o que caracterizou ao grupo, que fuxiu de grandes ambicións para ser simplemente aquilo que quixeron ser, uns bos gaiteiros que animasen calquera festa na que fosen reclamados.

A decisión de dar o paso que se concretará mañá na igrexa da Pastoriza era algo ao que o grupo víñalle dando voltas no maxín desde hai tempo pero que nunca se acababa de concretar. A insistencia de compañeiros de oficio, a existencia dun repertorio propio que lles gustaría que perdurase no tempo ou a necesidade de inmortalizar toda esa obra acabaron convertíndose nos motivos que os levaron a dar ese paso.

Suscríbete para seguir leyendo