Entrevista | Xabier Rodríguez Paz Candidato á Alcaldía de Vilagarcía polo BNG

“A política do goberno foi centrarse só naquilo que lle loce para as fotos”

“A transformación dunha vila como Vilagarcía non pode depender de ensaio-erro, debe estar moi ben planificada e non semella que sexa así”

Xabier Rodríguez Paz, candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía.

Xabier Rodríguez Paz, candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía. / Iñaki Abella

A. G.

Naceu en Vigo hai 57 anos, pero leva residindo en Vilagarcía desde hai tres décadas. Traballa como mestre no ensino secundario, percorrendo a comarca desde que aprobou as oposicións ata que, hai doce anos, se asentou no IES Armando Cotarelo Valledor, onde exerce como profesor de historia. Xabier Paz colle o relevo de Xosé Lois Leirós, unha persoa á que lle agradece todo o esforzo realizado estes anos representando ao BNG na corporación nunha situación personal complexa.

–Debuta vostede na política municipal, que foi o que o levou a dar ese paso?

–Aínda que sexa a miña primeira experiencia como candidato, o certo é que a política municipal non me é allea porque, como todo cidadán, preocupábame por como se fan as cousas en Vilagarcía e que facer para melloralas. Ni BNG levo militando desde principios deste século e tamén sempre amosei interese pola política nacional e a súa lectura en clave galega e municipal. Agora creo que estamos nun momento de madurez que nos permite dar o paso despois de que acudiran a min.

–Resultoulle difícil decidir?

–Unha proposta así cólleche sempre un pouco de sorpresa. Lembro que había unha gran expectación por saber quen ía ser o candidato porque eramos a única forza política que inda non tiña. Foi un proceso de maduración dentro da organización, foi no seu seo onde se pensou que eu podía ser a persoa indicada. Tiven algunhas reticencias iniciais, porque penso que no BNG hai xente moi preparada para encabezar a nosa lista, pero optei por dar o paso porque había que facelo, había que dar o paso pola cidade, para frear a deriva e aproveitar que no BNG se atopa nun momento moi doce”.

"Cando un goberno ten a maioría absoluta e se coloca nun pedestal desde o que cre observar todo e o único que fai é destilar desdén pola oposición política"

–Fala de deriva. Cre que hai erros no modelo de goberno que prantexa o PSOE en Vilagarcía?

–Os erros propios de cando un goberno ten a maioría absoluta e se coloca nun pedestal desde o que cre observar todo e o único que fai é destilar desdén pola oposición política. Ese tipo de actitudes levan sempre a facer oídos xordos á cidadanía e, sobre todo, a non aceptar as críticas, optando por presentar a política municipal que se está facendo casi como un proxecto persoal que pouco ou nada ten que ver coas necesidades do colectivo, que somos os veciños de Vilagarcía.

–Que modelo ofrece entón o BNG frente ao que se está levando a cabo?

–O modelo do BNG é un modelo que trunfa en moitos concellos. Aí están as mostras de lugares como Pontevedra, Allariz, Barro, ... Non é un modelo de corta e pega como o doutros, é un modleo propio que se caracteriza por pensar nas persoas, nos veciños e facelos partícipes nas tomas de decisións. é un modelo de transparencia, que busca sacar partido ao diñeiro dos veciños. Centrado en garantir os servizos fundamentais e creando vilas e cidades amables coas persoas

–Partidarios das peonalizacións, amosánse moi críticos coa que se desenvolve en Vilagarcía.

–Nós temos un modelo propio, un modelo que require unha planificación, contemplando a vila como un todo e sabendo que, cada actuación que realices no entramado urbano, vai repercutir no resto. Non pode ir o carro diante dos bois, non se pode recurrir a ensaio-erro continuo, reformando trazados de tráfico e expulsando os vehículos sen máis, sen que haxa unha fase de transición. Vilagarcía non se pode converter nunha ratoeira da que non se poida entrar ou saír porque acabas provocando graves problemas de tráfico e de seguridade viaria.

–Denuncian tamén que o rural é un dos grandes esquecidos.

–É un dos grandes esquecementos deste goberno. A súa política estes catro anos foi centrarse naquilo que lle loce para as fotos e que son actuacións de dubidosa funcionalidade estética. Nós apostamos pola descentralización, por achegar o Concello ao rural para facer trámites administrativos a través de oficinas móvilese propoñemos que os veciños participen no deseño dos orzamentos a través do contacto que os concelleiros manterán coa veciñanza.

[object Object]

–29 de maio, non hai maioría absoluta. Con quen estaría disposto o BNG a pactar?

–O BNG está suxeito á decisión da súa militancia e ás que toman os seus propios órganos de dirección do partido. Temos experiencia de goberno en Vilagarcía co PSOE no pasado e os nosos concelleiros deizaron unha boa pegada na memoria da cidadanía. Iso serán negociacións que se darán despois do 28 de maio e, según se vaian dando, pois poderase ir definindo unha postura. De entrada, nós non descartamos nada aínda que poríamos encima da mesa o noso programa de gobenro e habería que rectificar moitas cousas das que se están facendo. Todos os escenarios están abertos.

–Cales son as expectativas coas que parte o BNG nestas eleccións?

–Partimos da situación dun só concelleiro, e niso non me queda outra que agradecer a Xosé Leirós a extraordinaria labor que fixo durante todo este tempo. A partires daí, as enquisas, con toda a precaución, apuntan a que os resultados do BNG van ser bos e que imos estar en condicións de que o PSOE perda a maioría abosluta. Esa nova corrente de aceptación e simpatía cara o programa marco do BNG para os municipios é algo que se percebe, incluso en xente que antes non tiñan ao BNG como referencia no voto. Entendemos que o vento nos sopra a favor e tentaremos sacarlle partido e non defraudar á cidadanía.

Suscríbete para seguir leyendo