Unhas verbas eternas para conservar a lingua

Os pequenos da Illa escollen as palabras máis bonitas do galego para colocalas na porta de Goday

Os nenos colocaron os lazos de cores na entrada da Biblioteca.

Os nenos colocaron os lazos de cores na entrada da Biblioteca. / Noé Parga

A. G.

Verbas como axóuxeres, enxebre, carcamáns, mexillón, agarimo ou toxo forman parte xa do legado da Illa de Arousa despois de que escolares dos diferentes centros educativos as colgasen da porta da Biblioteca Municipal. Durante toda a xornada, as portas deste servizo municipal estiveron cheas de nenos que, pola mañá, acudiron escoltados dos seus profesores, como foi o caso da gardería Sonrisas y Lágrimas ou do CEIP Torre-Illa. Sen embargo, a peregrinaxe continuou pola tarde, esta vez cos nenos escoltados polos seus pais.

Todos eles escollían un lazo dunha cor e nel escribían unha das verbas tan bonitas e agarimosas que existen na lingua galega. Incluso non faltou quen aproveitou para saca ro orgullo carcamán e escribir unha palabra tipicamente arousá. Tamén os houbo que apostaron polo nome dos seus avós ou de familiares importantes para eles.

Ángela Otero, responsable da biblioteca municipal, destacaba onte a gran participación que tivo esta iniciativa, unha actividade que está disposta a repetir no futuro, sobre todo porque “neste entorno non só se atopa a Biblioteca, se non que tamén está a Escola de Música e outros servizos, e estes lazos permiten encher de cores todo o entorno, que era un pouco o que buscabamos”. Otero insiste en que “en lugar de candados, como fan noutros lugares, nós apostamos por colocar lazos de cores coas verbas más atractivas que pode ter o galego, escritas polos máis pequenos do noso Concello”.

As actividades do Día das Letras galegas, adicado nesta ocasión a Francisco Fernández del Riego, continuará no día de hoxe na Illa. Nesta ocasión, a remuda cóllea a asociación cultural e deportiva Dorna a través das súas seccións de Navegación Tradicional e baile. Así, a partires das 11.00 horas, no peirao do Xufre, organizarase un pasarrúas a cargo do grupo de baile e música tradicional.

Unha hora despois será o monto do Bautizo de Mar, un acto no que dúas dornas volverán a bicar o mar de Arousa despois de moitos anos sen facelo e de ser recuperadas. É o caso da “Voandeira”, unha dorna cedida á ENT, uqe levaba máis de once anos sen tocar o mar. A outra dorna será a “Delia” unha das primeiras embarcacións tradicionais que tivo a asociación Dorna, hai xa máis de corenta anos, e que fpoi sometida a unha profunda remodelación para que poida durar outros corenta. Na auga agardaranlle máis embarcacións para iniciar a tradicional singradura.