Dornas, flores e romaría para lembrar as nosas Letras

A comarc aorganiza toda clase de eventos para celebrar o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Francisco Fernández del Riego

Varias dornas inician a súa navegación nun Día das Letras Galegas na Illa.

Varias dornas inician a súa navegación nun Día das Letras Galegas na Illa. / Iñaki Abella

A. G.

A celebración das Letras Galegas enche a comarca do Salnés de actividades culturais vencelladas á nosa lingua, especialmente ao longo do día de mañá, 17 de maio, con varios municipios onde as asociacións culturais son as que toman a remuda dos centros escolares para seguir honrando á lingua galega. Mañá repetiranse por toda a comarca actos nos que a lingua e a cultura galega estarán presentes.

Un dos municipios onde nunca faltan actividades para festexar o Día das Letras Galegas é A Illa. Da man de dúas seccións da asociación Dorna, a Escola de Navegación Tradicional e Baile, todos os actos se concentrarán no peirao do Xufre a partires das 11.00 horas. Alí habará un pasarrúas a cargo do grupo de baile e música tradicional de Dorna e procederase á inauguración oficial da tempada de navegación tradicional. Na auga xa estarán gran parte dos barcos que compoñen a flota tradicional da Arousa que sairán a percorrer a ría na primeira das navegacións oficiais.

Esta é toda unha tradición desde hai máis de dúas décadas, e que acostuma a incluir un “bautizo de mar”, acto que se celebra cando unha dorna ou calquera outra embarcación tradicional bica as augas da ría despois de ser construida ou remodelada. Este ano podería volver a celebrarse un bautizo despois de varios anos agardando a causa da pandemia.

Outro dos concellos onde nunca faltan actividades durante o 17 de maio é Cambados que, como en anos anteriores, volverá a acoller a tradicional ofrenda floral ante o monumento adicado a Ramón Cabanillas no paseo da Calzada. Será mañá, a partires das 12.00 horas. A ofrenda culminará cun concerto da Banda de Música de Castrelo, que se celebrará no interior do parque de Torrado, salvo que faga aparición a choiva, que será trasladado ao interior do Auditorio da Xuventude.

En Meis vaise celebrar, por primeira vez a Romaría das Letras Galegas, unha cita que terá lugar na finca dos Parga e contará cunha feira artesanal, actividades culturais e música. Tamén haberá un posto de comida e unha zona habilitada para que a veciñanza poida comer dentro da parcela. As portas da romaría abriranse ás 12.00 horas e as actuacións musicais desenvolveranse a partires das 17.00 horas.

No Grove, a asociación Breogán marcouse como obxectivo recuperar as “Follas culturais”, unha publicación que o colectivo puxo en marcha no ano 1983. Como homenaxe aos que marcaron a senda a seguir, recuperaron a portada publicada no ano 1983, co gallo do Día das Letras Galegas, onde se recolle a reivindicación de usar a lingua. Corenta anos despois, volvense publicar artigos, aínda que nesta edición da publicación están adicados a Francisco Fernández del Riego, pero tamén recomendando libros, falando das herbas de San Xoán e aportando poemas. A publicación está coordinada por Uxía Pallares, Marta Caneda e Félix Lamas.

Suscríbete para seguir leyendo