O BNG da Illa reclama un cambio de sentido na avenida Castelao

Lamentan que non se elaborase un plan de mobilidade integral na zona

Avenida Castelao de A Illa despois da reforma á que foi sometida

Avenida Castelao de A Illa despois da reforma á que foi sometida / Noe Parga

A. G.

O candidato do BNG da Illa, Manuel Suárez, prantexa o cambio de sentido da circulación na avenida Castelao xa que desde a súa reapertura está a provocar moitos problemas de tráfico en rúas que non están capacitadas para acoller o volumen de coches co que se están atopando, como son O Lagartiño ou A Torre.

Suárez lembra que, desde o primeiro momento, o BNG preguntou no pleno polos estudos de mobilidade, alternativas e impacto na zona, pero “non se fixeron, acometeuse a obra sen estudar o que ía acontecer, os efectos que ía ter e as posibles solucións”.

Insiste en que “agora atopámonos cunha avenida Castelao da que non desapareceron os coches, xa que segue sendo unha vía de circulación, e na que os cambios efectuados na mesma provocan que barrios residencias estean inundados de coches”. Despois de escoitar as propostas dos veciños a proposta é a de modificar o sentido da circulación. “Ese cambio non ten custo ningún, xa que só é cambiar os sinais que están no inicio e no fin da vía, e se nun prazo de tempo se ve que non mellora a situación ou empeora, pódese volver á situación inicial; cremos que pode aliviar parte dos efectos indesexados que provocou a reforma”.

Tamén solicitan que se elabore un estudo de mobilidade integral do Concello para que este tipo de situacións non volvan a repetirse.

Cargan contra o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), no que se investiron máis de 800.000 euros en proxectos que “son todos un fracaso, e a principal actuación no marco da mobilidade na Arousa, que foi a avenida Castelao, nin sequera estaba contemplada no PMUS”.