Entrevista | Carlos Chaves Otero Presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna

“Dorna é o colectivo social máis importante da Illa”

“Temos abertas as portas a todo aquel que teña inquedanzas”

Carlos Chaves Otero durante a asemblea do pasado sábado.

Carlos Chaves Otero durante a asemblea do pasado sábado. / INAKI ABELLA DIEGUEZ

A. G.

Bateeiro de profesión, Carlos Chaves Otero sempre se amosou moi activo na vida cultural e social da Illa, ou da Arousa, como lle gusta chamarlle ao seu pobo. Con 54 anos asume o reto de presidira Asociación cultural e Deportiva Dorna, toda unha institución no municipio e que conta cunha gran actividade.

–Que o levou a dar un paso adiante e asumir a presidencia de Dorna?

–A verdade é que en todos os fregados que me metín, metéronme outros e este non foi menos. Neste caso foi Salvador allo o que nos foi xuntando a varios de diferentes seccións e pedíndonos que fixésemos unha directiva. Xa o tentou comigo hai uns anos dicíndome que eu tiña que ser o presidente de Dorna e, a verdade, é que o dilatamos seis anos e cunha pandemia polo medio.

–Pero a xente das diferentes seccións de Dorna respostou.

–Si, fixemos unha candidatura con membros de todas, sendo eu a cabeza visible, pero isto ímolo sacar adiante entre todos. Para min é un orgullo ser o presidente, porque Dorna é o colectivo social máis importante da Arousa. Pouco lle falta para cumprir 50 anos e creo que hai que recoñecer todo o que aporta a este Concello e aos seus veciños. Esperamos estar á altura das circunstancias e da historia da asociación.

–Un dos obxectivos cos que parte é, precisamente, recuperar esa historia.

–Recuperar a memoria histórica ten que ser básico para saber de onde vimos e a onde imos. A día de hoxe, pódese dicir que Dorna é unha asociación maltratada. Cando houbo que tirar a casa da cultura no Regueiro, deambulamos por moitos sitios e toda a documentación histórica desapareceu. Non sabemos siquiera se temos a man unha acta fundacional, por iso queremos recuperala. Dentro d epouco imos cumprir 50 anos e sería moi interesante ter todos eses datos, ter as revistas que editou Dorna.

–Vai diferir moito a súa labor coa que levou a cabo Salvador Allo?

–Cremos que hai que continuar con ela. Salvador Allo colleu un grupo de seccións e fixo que todas tirásemos para adiante en conxunto, que todos nos sentísemos membros de Dorna como entidade. Agora contamos cunha cohesión moi alta, con obxectivos comúns e cunha idea de traballo. A Salva hai que agradecerlle o talante que tivo durante todos estes anos. Temos que darlle continuidade e fortalecer aínda máis a estrutura de Dorna, porque se vai ben, ás distintas seccións vainos ser máis fácil o traballo.

–Que pasos se van a dar de inicio?

–Imos tentar actualizar o listado de socios para ver con cantos se conta en realidade. Unha vez feito isto, temos que ter un contacto directo con todos eles para que participen en eventos, en asembleas, ... na vida da asociación en definitiva. Para iso tamén temos que ser máis activos nas redes sociais e pór en valor toda a nosa actividade, que é moita. Outra cousa moi importante é actualizar o inventario patrimonial que teñen as diferentes seccións, porque non é a primeira vez que se vai o responsbale dunha delas e non se sabe nin o que temos nin onde está, e iso non pode ocorrer. Só en barcos, esta asociación ten unha fortuna

–Como será a relación coas administracións?

–Temos que sentarnos a falar con elas e facer convenios, por exemplo, co Concello da Illa. De feito, temos que mirar de ampliar espacios porque o edificio da Escola de Pau quédase pequeno. Temos que facer un convenio coa Xunta polo uso da “Nova Marina”.Tamén deberíamos de conveniar os proxectos culturais que queremos levar a cabo, e facelo de xeito habitual para que se poñan en valor. Somos voluntarios, pero todo necesita cartos, porque sen cartos, as cousas non funcionan. Somos unha asociación consolidada e, ás veces, semella que as administracións no lle dan importancia ao traballo que facemos.

–Nótase a falta de relevo xeracional nas actividades?

–Hai seccións que teñen problemas serios, como é o caso de música tradicional xa que a maior parte dos rapaces optan pola Escola de Música. Quero pensar que cando maduren eses nenos, se seguen interesados na música, acabarán achegándose á música tradicional. Cos novos hai que facer unha labor de formiguiña. Así foi como comecei eu, xogando pouco a pouco a xadrez e despois collendo responsabilidades pouco a pouco. É certo que, cando eres novo, tes outros obxectivos, pero a medida que maduras é cando te das conta de que proxectos como Dorna son únicos.

–Ten Dorna a capacidade de seguir medrando?

–Salva dou unha mensaxe que define a Dorna: somos unha asociación cultural aberta e todo aquel que teña inquedanzas pode sumarse a ela, non terá que crear unha nova institución e contará co seu amparo. Penso que si temos a capacidade de subir e incrementar a actividade que temos. Amosámolo en moitas ocasións, coa aparición de novas seccións. Moitas delas coallan, outras non, pero todas tiveron a liberdade de poder desenvolver as súas actividades. Un exemplo de traballo é a sección de baloncesto, onde temos máis de 150 rapaces practicando ese deporte.

Suscríbete para seguir leyendo