As Ítacas de Isabel Pintado son un vieiro de ida e volta, un camiño que se anda e se desanda e nos achega ao espazo mítico das ínsulas, o territorio onde todos os soños son posibles.
Estas illas son xeografías do imaxinario, espazos sagros para as utopías, quimeras de señardade que as acuarelas e os lenzos de Pintado recrean nunha fantasía de luces e de sombras, de claroscuros nos que adiviñar formas e feitíos, por veces tamén a ledísima hibridación de texturas e de cores entre o ceo e a mallante.
Visitar estas pezas maxistrais de Pintado é abrir o maxín á lembranza da Ítaca de Penélope, mais tamén da Naxos de Ariadna e Teseo, a Eea de Circe e Odiseo, a Avalon do Rei Artur e aínda de Calibán e Barataria e Mompracen e todas as Atlántidas e Illas do Tesouro.
Porque nas Ítacas ancoran os nosos desexos e ilusións, soidades e desacougos, procuras e desafíos. O noso destino vai cosido aos areais insulares, ás nacións breves que a auga abraza e que son, á fin, a materia da que están feitos recordos, angueiras e esperanzas.
*Armando Requeixo é escritor, crítico literario e colaborador de FARO DA CULTURA.