Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vilagarcía abre o concurso de poesía en galego Xaquina Trillo a alumnado de bacharelato de toda Galicia

A entrega de traballos finaliza o día 30 | A dotación económica dos premios medra a 300, 200 e 100 euros

Xermán Torres e Sonia Outón presentaron a segunda edición do certame, acompañados de Luis González de la Ballina e o secretario da Mesa das Verbas. Iñaki Abella

O presidente da Mesa das Verbas, Xermán Torres, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, e o xerente do Centro Comercial Arousa, Luis González de la Ballina, presentaron onte en Ravella a segunda edición do Concurso de Poesía en Lingua Galega Xaquina Trillo, dirixido este ano ao alumnado de bacharelato de toda Galicia ou incluso de fóra. O único requisito para participar é ser estudante de ensino non obrigatorio e que as obras estean escritas en idioma galego. Os traballos pódense presentar ata o 30 de novembro na urna instalada no primeiro andar do Centro Comercial Arousa ou mediante correo postal.

Premios en metálico e vales compra

Todos os poemas quedarán no máis estrito anonimato a excepción dos tres gañadores, que recibirán 300 euros en metálico o primeiro, 200 o segundo e 100 o terceiro. Ademais esta dotación económica completarase con vales compra no Centro Comercial Arousa. Será de 100 euros para o gañador, de 50 para o segundo e de 25 para o terceiro.

Segundo explicou Xermán Torres, o feito de que este ano o certame conte cun maior apoio (sumouse a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia) permitiu incrementar os premios e facer así o concurso máis atractivo. Con todo, na súa primeira edición recibiu preto de trinta obras (nesa ocasión estaba dirixido a alumnado de ESO).

Divulgación dos poemas

O presidente da Mesa das Verbas agradeceu tanto ao Concello de Vilagarcía como ao centro comercial a súa implicación no certame. Anunciou que, ao igual que o ano pasado, os poemas gañadores publicaranse no blog da asociación, na páxina web do Centro Comercial Arousa e tamén na do Concello. Está previsto que cando se publique o seguinte número da revista Anaco tamén inclúa os traballos recoñecidos polo xurado.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura sinalou que esta iniciativa trata de pór en valor a figura de Xaquina Trillo, unha muller galeguista que estudou no León XIII e que foi discípula de Aquilino Iglesia Alvariño. “Era moi presumida e elegante”, engadiu Xermán Torres.

A decisión do xurado terá lugar no mes de decembro e a entrega dos premios antes do 28 de febreiro.

Compartir el artículo

stats