Entrevista | Salvador Allo Presidente Dorna

“As administracións acostuman a vivir de costas á cultura

“Cando cheguei, dixen que Dorna era moi grande para levala un simple mariñeiro; equivoqueime, pódese levar se se teñen gañas”

Salva Allo é presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna.

Salva Allo é presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna. / Iñaki Abella

A. G.

Comezou a andar ao mar con 15 anos, nunha pequena dorna con motor. Foi mariscador, mariñeiro e agora bateeiro, pero sobre todo, Salva Allo, o actual presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, é un home de cultura, sobre todo mariñeira. Seis anos despois de ser nomeado presidente da asociación máis importante da Illa, Allo pide a remuda, tanto na presidencia como na dirección da Escola de Navegación Tradicional, para que sexan outros os que lle impriman un novo pulo á asociación.

–Un home de mar como vostede ¿como acabou sendo presidente dunha asociación cultural?

–Porque a cultura e o deporte son dous dos motores deste pobo. Darme conta de como é a historia da Arousa foi o que me levou a implicar nunha entidade que foi clave en moitos aspectos, pero sobre todo, en ofrecer aos máis novos alternativas ao que tiñan, que nun primeiro momento eran o mar e o bar, pero despois houbo que loitar coas drogas. Foi precisamente aí cando nos fixemos “deportiva”, porque era necesario darlle á xuventude outra alternativa, que tivesen unha opción cultural e deportiva onde empregar o seu tempo libre.

–O seu papel na asociación sempre estivo ligado á Escola de Navegación Tradicional.

–Empecei a andar ao mar cunha dorna. Daquela xa tiña motor e sempre lle dicía a meu pai por qué non nos ensinaba a navegar a vela. A súa resposta sempre foi “porque non vos quero tan mal”. Evidentemente, eles ían ao mar a vela con temporal, calmas ou como fose para traer cartos á casa. Nós xa non, nós imos navegar só cando hai bo tempo. Cando naceu a escola, eu tiña uns trinta anos, e todos tiñamos moi claro que había que gardar ese patrimonio, para que a historia non se perdese.

"A Escola de Navegación Tradicional naceu para gardar unha parte moi importante da nosa historia"

Slavador Allo

— Presidente de Dorna

–Vostede xa anunciou que non vai repetir como candidato á presidencia de Dorna.

–Levar unha asociación como Dorna cansa; non cansa navegar a vela, non cansa ler ou tocar, pero as responsabilidades si que cansan. Este tipo de cargos, ao meu entender, deberían ser rotativos, estar tres ou catro anos e despois que pase outro con ideas novas. Son necesarios eses cambios porque, por moitas boas intencións que se teñan, un sempre é de ideas fixas por moi aberto que sexas. Agora creo que é necesario chegar a un tipo de xente á que eu non chego, que é a menor de 40 anos. Coas redes sociais, que é onde se move todo, eu non me remexo e Dorna necesita alguén que se mova neses ámbitos. Para min foi unha honra enorme ter presidido este grandísimo clube que é Dorna. O primeiro día que fun elixido presidente dixen que Dorna era moi grande para levala un simple mariñeiro. Equivoqueime, Dorna pódea levar calquera persoa, sempre que haxa gañas de facelo.

–Atopar remuda neste tipo de asociacións non resulta nada fácil.

–Non é sinxelo, pero como sempre fai o pobo da Arousa, que é moi especial, acabaremos chegando a algún tipo de arranxo porque non imos deixar morrer unha entidade como é esta asociación.Dorna está moi viva, con seccións moi activas, como baloncesto, música tradicional,navegación a vela... Cando hai unha convocatoria de eleccións, como esta, xúntanse representantes das diferentes seccións e non se levantan ata que apareza un presidente, un secretario, un tesoureiro e catro vogais, que son os que nos fan falta. A potencia deste colectivo está nas seccións, que son as que moven toda a xente e sempre hai socios que non van deixar que isto desapareza. Mover todo isto é unha gran responsabilidade, unha labor ardua, que acaba desgastando.

–¿Aínda que se bota a un lado, deixará de colaborar coa nova directiva?

–Colaborarei en todo o que poida e no que me pidan coa nova directiva, pero como socio xa que non vou ser membro da directiva. Non vou ser un caso único, hai moitas persoas que o fan, que aportan a súa experiencia e consellos. Eu vou estar aí e sempre a disposición do que me pidan.

–¿Cal sería o proxecto que máis lle encheu conseguir como presidente de Dorna?

–Dorna é unha entidade moi ampla que puxo en marcha unha chea de proxectos e todos son satisfactorios. Supoño que pola miña vinculación coa Escola de Navegación Tradicional o proxecto que máis me encheu foi o Centro de Usos Náuticos, porque foi unha cousa pola que loitei moito antes de ser presidente de Dorna. Tamén me enche terlle dado oportunidade a todo o mundo. Aquí houbo todo tipo de cursos e abríronse novas seccións, algunhas mantéñense, como a de festas, e outras, aínda que brillaron moito, agora están un pouco de capa caída, como fútbol gaélico.

–¿E o que lle quedou pendente?

–As Mariñas Tradicionais, que é o exemplo da falta de interese das administracións nas asociacións. Só pido que as administracións como Portos e Costas que non nos poñan tantas trabas, que hai xente que damos o noso traballo de forma altruista e quen cobra, os funcionarios e políticos desas administracións, non o fai. A Consellería de Cultura tamén debería estar aí. Nós pomos o lombo e o tempo, pero a administración non.

–¿Deberían implicarse máis?

–As administracións pensó que viven de costas á cultura, da a sensación de que non a ten como un dereito fundamental. A xente ten dereito a cultura, educación e sanidade, está nos estatutos da Nación. Téñeno como algo que están facendo outros e que non lles incumbe. Que é un conselleiro ou un ministro de Cultura que non fan o seu traballo? Que se preocupen por algo fundamental para todos.