Canto se tarda en aparellar unha dorna?

Facelo o máis rápido posible é clave para vencer na regata do Bao, unha das probas míticas da navegación tradicional

Barcos en plena manobra de aparellar a dorna durante a regata do Bao do ano pasado.

Barcos en plena manobra de aparellar a dorna durante a regata do Bao do ano pasado. / Iñaki Abella

A. G.

Aparellar unha dorna non é unha tarefa sinxela, pero pode ser a chave para levarse unha das regatas máis senlleiras da navegación tradicional galega, a Regata do Bao. Esta proba terá lugar na tarde do vindeiro sábado na Illa despois de que a pandemia obrigase a modificar a súa celebración nos dous últimos anos. A principal particularidade, con respecto ao resto das probas que se disputan na ría de Arousa é que os tripulantes saen co pé en terra e, cando se dá a saída, teñen que correr pola praia, alcanzar a súa embarcación e montar todo o aparello nun tempo récord para poder iniciar a navegación.

Desde hai aproximadamente unha década, compútanse os mellores tempos en cada unha das saídas e ninguén foi capaz de mellorar, aínda, o rexistro acadado por Salva Allo e o seu proel Lino. Ambos fixaron a marca en 37 segundos nos que tiveron que colocar o pau, enganchar a vela de relinga e izala, algo que non é precisamente sinxelo. Así o recoñece Allo que, ademáis, é o presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, á que pertence a sección da Escola de Navegación Tradicional da Illa. “Aparellar é un dos momentos máis complicados da navegación e, un erro, pode dar ao traste con toda a navegación posterior”, explica.

Este ano, as previsións meteorolóxicas apuntan a que haberá vento do norte, polo que a navegación farase nun triángulo fronte á praia da Canteira do Bao, onde Dorna sempre tivo a súa sede, antes de trasladarse para o Centro de Usos Náuticos, situado no outro extremo da praia do Bao.

Unha das grandes novidades deste ano vai ser a participación de dúas novas dornas, recuperadas ao abeiro da Escola e que veñen a reforzar o traballo de preservación do patrimonio marítimo da ría de Arousa que está facendo a entidade. Ambas foron rehabilitadas cando ían camiño do desguace e formarán parte da liña de saída cos seus novos propietarios. Son a “Chati” e a “Delia”, que non puideron ser bautizadas o 17 de maio porque aínda non se atopaban rematadas. Para Allo, a presencia destas dúas embarcacións significa moito, porque “vese que a navegación tradicional segue viva, e con xente que aposta por preservar un patrimonio marítimo que é único no mundo, tanto polo número de embarcacións como polas tipoloxías”. Nesa empresa, Allo segue botando moito en falta a implicación das administracións públicas na defensa deste patrimonio. Aínda que é certo que bastante se ten avanzado, coa habilitación de axudas á rehabilitación, tamén o é que a maior parte dos portos galegos carecen das infraestruturas adecuadas para este tipo de barcos. Seguen sendo os particulares, adscritos a entidades como Culturmar, os que se están implicando na preservación dun patrimonio que estivo moi preto de morrer debido á chegada dos motores e do poliéster.

[object Object]

Unha das grandes reivindicacións que se ven facendo desde Culturmar e as asociacións que a conforman é a construcción de Mariñas Tradicionais, espazos nos portos onde os barcos, sexan dornas ou outras tipoloxías de maior porte, teñan onde amarrar, especialmente durante o inverno. Sen embargo, as Mariñas Tradicionais, explica Allo, non son só puntos de amarre para estes barcos, “son espazos onde amosar a riqueza patrimonial que ten o mar galego, museos ao ar libre desde os que dar a coñecer toda unha cultura mariñeira que asombra pola gran cantidade de tipoloxías que posúe e que, en moitos lugares, é practicamente descoñecida, por non dicir ignorada por completo”. Ese papel de recuperación debería ser liderado polas administracións, especialmente por Portos de Galicia, pero “non estamos a ver a implicación necesaria”. Un exemplo diso é a Mariña Tradicional da Illa, que segue á espera de que se dean pasos adecuados para facela realidade, sendo fundamental para garantizar un espazo onde gardar os cinco galeóns que hai no municipio e o máis de medio cento de dornas e embarcacións de menor porte.

Suscríbete para seguir leyendo