Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Plácido Castro, o home que conseguiu que a BBC falase en galego

Vilagarcía reclama que se lle adique o Día das Letras Galegas

Homenaxe tributado a Plácido Castro ás portas do CEIP Anexo A lomba, o antigo Calvo Sotelo, onde el dou aulas. Iñaki Abella

Mestre no antigo Instituto Laboral de Vilagarcía entre os anos 1956 e 1967, Plácido Castro conta desde onte cunha placa que leva o seu nome na fachada do edificio que hoxe está convertido no Anexo A Lomba. A placa foi descuberta pola súa fillla, Susi Castro, representante da Fundación que leva o nome dun dos mellores tradutores en lingua galega, nun acto no que tamén estiveron presentes Sonia Outón, edil de Cultura Vilagarcía, e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Susi Castro lembrou a figura de seu pai, a súa vocación pola ensinanza, “unha vocación que foi tardía pero que estou segura de que a desfrutou ao máximo”.

A ela chegou cando regresou a Galicia, despois dos 15 anos de inhabilitación a que foi condeado por ser un destacado galeguista, exercendo en Vilagarcía, no Instituto Laboral, como profesor de inglés e esforzándose por elaborar contidos para o ensino nun momento no que apenas había libros de texto que recollesen a formación que debía recibir os alumnos. “O seu exemplo, a súa forma de gabar a excelencia da lingua galega é o que debemos seguir en Galiza”.

Este ano cúmprense 75 anos da primeira emisión en galego da BBC

decoration

Un dos momentos máis emotivos do acto foi a intervención dun antigo alumno seu no Instituto Laboral de Vilagarcía. Carlos Puga, que tamén foi profesor en Vilagarcía, lembrou moitas anécdotas que vivíu con Plácido Castro, “un dos mestres que, cando nos xuntamos os antigos alumnos deste centro, recordamos con agarimo, falar del non falla nunca nesas conversas”. El coñeceuno cando cursaba cuarto curso, nunha época na que non había apontamentos e era o propio Plácido Castro o que “facía os textos e uns gráficos extraordinarios, era un material que debería terse convertido en libro de texto para todos os institutos laborais”. De todas formas, o que máis resaltaba na figura de Plácido Castro era “a súa presencia humilde pese a toda a sabedoría que acumulaba, era unha persoa moi educada, e sobre todo, era moi tolerante, unha persoa coa que se podía dialogar de forma pausada sobre calquer tema”. Políglota, tradutor, músico, poeta, debuxante e moitas máis cousas, Plácido Castro deixou unha importante pegada en todos os alumnos aos que dou aulas.

Un momento da lembranza de Plácido Castro ás portas do Anexo A Lomba INAKI ABELLA DIEGUEZ

A edil de Cultura, Sonia Outón, lembrou as relacións que Plácido Castro mantivo con outros ilustres galeguistas como Castelao ou Bóveda, sendo “un intelectual que practicou todas as artes e ao que levábamos moito tempo tentando homenaxear coa colocación desta placa na súa memoria, un acto que tivo que atrasarse en varias ocasións debido á pandemia”.

Outón non desaproveitou a oportunidade para reclamar que a Real Academia galega lle adique o Día das Letras Galegas a Plácido Castro, pola súa laboura, sobre todo, no ámbito da tradución “e unha figura que non debe ser esquecida”. Xa foi candidato a protagonizar o Día das Letras Galegas de 2017 e 2018, pero a Academia acabou decantándose por Carlos Casatres e María Victoria Moreno.

O galego na BBC

Tamén Valentín García gabou a figura de Plácido Castro que “con todas as posibilidades que tiña de buscar a súa vida lonxe de Galicia, optou sempre por defender a súa terra e por vir a exercer como mestre a ela”. García lembrou varias situacións nas que Castro foi un dos grandes referentes do galeguismo. Os vencellos con Irlanda ou ser un pioneiro na proxección de Galicia no exterior son só algunhas das cuestións nas que destacou.

Sen embargo, García quixo incidir nunha en particular, porque este ano cúmprense 75 anos desa efeméride. Plácido Castro foi unha das persoas clave en conseguir que a BBC, unha das radios de referencia mundial da época, emitise unha programación estable en galego para todo o mundo, xusto cando a lingua era despreciada e vilipendiada en Galicia.

Residía en Cambados

Plácido Ramón Castro (Corcubión, 1902-1967) foi un escritor, xornalista, tradutor e profesor galego, figura destacada do galeguismo de entreguerras e da cultura galega na diáspora durante a súa estancia en Reino Unido, a onde se trasladou despois da Guerra Civil e onde traballou como locutor e redactor na BBC.

De volta en Galicia, asentou en Cambados, onde exerceu como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía e colaborou en diversos diarios e publicacións ata o seu pasamento, entre eles, FARO DE VIGO.

Compartir el artículo

stats