Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Loly Sáenz, a derradeira galeguista dunha xeración irrepetible

Loly Sáenz, nun acto do Partido Galeguista nos anos oitenta. | // FDV

Coñecín a miña benquerida e prezada amiga e irmán galeguista María Dolores Sáenz Fernández alá polo ano 1982: tiña eu 22 anos e ela 60. Foi co gallo de entrar eu a formar parte do Partido Galeguista -vai facer xa 40 anos- que presidía por aquelas datas o prócer intelectual galeguista boirense Ramón Martínez López, membro das Irmandades da Fala, fundador do Seminario de Estudos Galegos en 1923, do Partido Galeguista no noso nacemento en Pontevedra os días 5 e 6 de Nadal de 1931, e da Fundación Castelao en 1984, da que será xunto a Teresa Castelao o seu presidente.

Por certo, Ramón Martínez López está soterrado no camposanto de Carril, de donde era natural a súa muller Isabel, e tamén a propia Loly Sáenz Fernández cuxo pasamento acaba de coñecerse.

“Loly”, ao igual que a poetisa da ría de Arousa Xaquina Trillo naceu en Vilagarcía de Arousa e formaba parte dun grupiño de mulleres desta localidade arousán que acudían regularmente aos actos que o Partido Galeguista celebrábamos por Galicia adiante, xuntándose con outro grupiño tamén de mulleres da cidade de Pontevedra que encabezaba outra gran muller galeguista, refírome a mestra de ensino Daría González, que fora primeira teniente alcaldesa na capital da provincia nas primeiras eleccións municipais da Transición democrática (1979/1983) en representación do Partido Galeguista na coalición denominada Unidade Galega. Recentemente a Deputación Provincial decideu darlle o seu nome “Mestra Daría González” ao Ceip Príncipe Felipe, dependente deste organismo provincial.

Destes dous grupiños de mulleres galeguistas destacaron sempre polo seu compromiso polo Partido Galeguista Loly Sáenz e Daría González. De feito, as duas formaban parte en representación das súas respectivas agrupacións (Vilagarcía e Pontevedra) da dirección do partido, na Exexutiva e o Consello Nacional, máximos órganos de dirección política.

Eu fun testigo destes feitos porque tamén formaba parte deses mesmos órganos de dirección. “As dúas eran persoas moi activas, propoñendo e participando dos debates que se suscitaban por aquelas datas (segunda metade da década dos anos 80 e primeira dos 90).

Era unha época de ilusión, de intensa e efervescente actividade política...“pensabamos que podíamos cambiar o mundo, e en consecuencia o do noso país chamado Galicia...” . Daría deixounos no ano 1999 a idade de 89 anos e Loly tiña hoxe 99.

O galeguismo a Loly víñalle de familia. Viña sendo curmá de dous galeguistas moi destacados, os irmáns Xurxo e Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas”. O primeiro finou moi novo e Xaquín destacou como etnógrafo, estudoso das costumes, tradicións e xeitos de vida dos galegos. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega; xunto ao seu irmán Xurxo e outros destacados galeguistas como Otero Pedrayo, Vicente Martínez Risco ou Florentino López Cuevillas que participaron na fundación do Partido Galeguista en Nadal de 1931. Asemade Xocas será o alma mater do Museo do Pobo Galego e o seu primeiro presidente.

Foi precisamente Loly quen me presentou a seu curmán Xocas comezando así unha amizade entre nós, que pesar da edade que nos separaba (53 anos), so rematará co seuo pasamento en 1989. No percorrer deste tempo, Xaquín Lorenzo colaborará intensamente a través dos seus artigos na revista que as agrupacións do PG de O Grove e Vilagarcía confeccionábamos a man e imprimíamos nunha multicopista na cidade de Vilagarcía.

A relación personal que mantiven con Loly vai mais alá da meramente política. Tanto eu como a miña dona Encarna e fillos, mantivemos unha forte e fraternal amizade que foise afondando e incrementando co tempo, ou como decía o meu amigo e gran poeta Manuel Lueiro Rey: “...esa amistade profunda e entrañable que se forxa co paso do tempo e que se vai transmitindo de pais a fillos...”

Nun principio comeza pola militancia de no-los dous no Partido Galeguista e continúa pola fonda relación co seu home Adolfo Llovo Santos, catedrático de instituto e primeiro director do instituto de Ensino Medio Profesional de Vilagarcía (1952-1960), merecedor da Medalla de Alfonso X o Sabio, en recoñecemento ao seu bo facer e aos seus méritos académicos en pro do ensino.

Loly forma parte daquela xeración de homes e mulleres da posguerra que tiveron que vivir unha época terrible, salvaxe, irracional, producto da “guerra incivil española do 36”, na que se viron enfrentadas familias enteiras, pais e irmáns contra irmáns. Eu alá por donde vou manteño sempre que foi unha xeneración irrepetible pola valentía que amosaron no tempo que lles tocou vivir.

Con Loly remata a presenza física dunha xeira de mulleres coas que teño convivido moi profundamente, e que me ensinaron a loitar na defensa e no recoñecemento desta nosa bendita Terra Galega, sen necesidade de fomentar radicalismos trasnoitados; ensinárome a querer e loitar por este país chamado Galicia no que naceron, viviron e están soterrados os nosos ancestros, e no que se Deus o permite, algún día tamén o estaremos nos. Saúde e terra!

*Secretario xeral do Partido Galeguista

Compartir el artículo

stats