Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Compromiso cunha vella buceta

Eduardo Rivo (á dereita), xunto á buceta “Cadórniga”.

Durante máis de vinte anos, Benito Coiradas Lago acudiu case cada día ao peirao de Cee, na provincia da Coruña. Fillo de mariñeiros, el non seguiu a profesión, pero tiña unha misión que cumprir cada día, a de manter en perfectas condicións a réplica de “La Niña”, unha vella buceta que pertenceu á súa familia durante varias xeracións. Durante todo ese tempo, achicoulle a auga e coidou dela ata que chegou a pandemia e as restricións adoptadas polas autoridades sanitarias impedíronlle seguir facéndoo.

A pandemia deteriorou a embarcación, algo que a Coiradas lle doía na alma, sendo a única alternativa que se lle presentaba a de gardala nunha nave onde, lentamente e sen posibilidade de coidala, acabaría apodrecendo, ou deixala nunha praia, onde acabaría desfacéndose contra as pedras. Foi por iso que decidiu lanzar un SOS ao mundo, disposto a ceder a embarcación, dunha tipoloxía das que se conservan un pequeno feixe delas en toda a costa galega, a aquela persoa ou entidade que lle garantise que ía a seguir navegando ou estaría exposta nun museo, contando cos máximos coidados.

Foi nese momento cando apareceu a Asociación Cultural e Deportiva Dorna e, en particular, Eduardo Rivo. Médico de profesión, Rivo vive en Manselle, lugar desde o que pode observar a ría de Arousa e manter un estreito contacto co mundo do mar. Cando coñeceu a historia decidiu dar o paso e contactar con el e comprometerse a conservar a embarcación e deixala en depósito a Dorna. “Quero que Dorna a saque a navegar, que forme parte do patrimonio de embarcacións tradicionais e, sobre todo, quero cumprir o meu compromiso para recuperar a embarcación e preservala, porque percibín o vínculo emocional que pode ter unha persoa co barco que foi do seu pai e do seu avó”, explica Rivo.

Quero que Dorna a saque a navegar, que forme parte do patrimonio de embarcacións tradicionais

Eduardo Rivo - Novo dono da "Cadórniga"

decoration

A embarcación xa se atopa no Centro de Usos Náuticos da Illa, onde Rivo, Lino Santamaría e outros integrantes da asociación Dorna lle adican todos os coidados necesarios, cambiando cadernas e táboas para que volva a ser unha das poucas bucetas que aínda se conservan. A historia desta embarcación, coñecida como auxiliar do “Chatiño” e que, a partires de agora, se chamará “Cadórniga”, comeza no 1995, cando a familia Coiradas lle solicita a un carpinteiro de ribeira unha réplica exacta da buceta que estivera desde o ano 1930 na familia. Esta última, da que se conservan a inscripción e o que custou, foi usada polos antergos de Benito Coiradas para pescar co nome de “La Niña”. Fora construida no seu día polo xefe dos carpinteiros dos estaleiros de Cee que, nos seus tempos libres, adicábase a facer embarcacións de pesca para complementar os seus ingresos.

Ata o ano 1970 foi usada para a pesca pola familia Coiradas ata que decidiron mercar un barco a motor, de nome “Chatiño”, polo que pasou a converterse en auxiliar. Seguiu en activo ata 1996, cando foi sustituida pola réplica e retirada de forma definitiva por problemas do excesivo mantemento despois de tantos anos de servizo.

Precisa dunha vela

A réplica está relativamente ben conservada, aínda que para navegar vai facer falla facerlle algúns arranxos e unha vela. O obxectivo é que poida estar para navegar para o Día das Letras Galegas de 2022, xornada na que recibirá o bautizo de mar no Xufre.

A réplica nunca tivo nome ata que chegou ás mans de Rivo, hai tan só uns meses, que decidiu chamarlle “Cadórniga” por varios motivos.O primeiro deles foi unha cuestión meramente fonética, xa que nese nome reúnense os fonemas das palabras “caderna” e “dorna”, ao que se suma o feito de que un antepasado de Rivo contaba con ese apelido. “Cremos que era unha boa ocasión para recuperar un apelido do que xa quedan moi poucos representantes pese a que foi habitual en moitas zonas de Galicia”. Nestes momentos, Rivo calcula que quedarán medio cento de persoas con ese apelido, a maior parte deles distribuidos polas comarcas de Barbanza e do Salnés, chegando a figurar o seu blasón no escudo de Ribeira

A heráldica do apelido indica que o escudo é unha embarcación de pesca con vela, “algo que me pareceu unha casualidade simpática, e incluso máis alá, xa que hai outra representación heráldica que ten dous lobos e a orixinal desta embarcación acostumaba a navegar polo entorno das Illas Lobeiras”. Rivo insiste en que “son todo unha xeira de casualidades que fan que exista un vencello moi emotivo con esta embarcación”.

Unha tipoloxía que morreu a causa dos motores

Aínda que quedan ton só un pequeno número de bucetas, esta tipoloxía chegou a ser moi común nas costas galegas, sendo usada, especialmente, como nave para a pesca. É un barco construido coas táboas a tope, é dicir, unha contra a outra, e que ten a proa e a popa prácticamente iguais, as dúas rematadas en punta. Conta cunhas dimensións moi semellantes ás dunha dorna, pero estaba pensada para levar entre tres e catro mariñeiros de tripulación. É unha embarcación boa para facer mangas, para realizar unha boa tirada de millas náuticas cargada con pesca, aínda que, con respecto á dorna, non é tan áxil nin bulina (navegar contra o vento) tan ben. Outra diferencia coas dornas é o tipo de vela que utiliza. A vela por excelencia da dorna é a de relinga, pero non sempre é así na buceta. Rivo, que ten feito algunhas investigacións ao respecto, apunta a que “navegaban cunha vela de martelo ou mística,moi semellante a unha latina, pero cunha pequena ampliación que, en lugar de ser un triángulo, a convertía nun trapecio”. Pese a ser unha embarcación moi utilizada no seu día, a chegada do motor foi a súa morte. A diferencia da dorna, que se axustaba máis ás necesidades que pedía a modernización da flota, a forma da popa da buceta acabou sendo a súa condena a morte, xa que nela non se podía instalar o motor que se precisaba. Rivo reconoce que “se perderon ao estilo das xeiteiras porque son unha tipoloxía moi semellante, a “Nova Marina” a réplica da xeiteira que se conserva na Arousa, é unha buceta grande, é unha das poucas que se conservan pese a que houbo centos, ou incluso milleiros, pero desapareceron e as que hai agora son de nova construción”.

Compartir el artículo

stats