Síguenos en redes sociales:

In memoriam // chus garcía piñeiro

Dignidade e compromiso que quedarán para sempre

Sempre soan diferentes as aulas e os corredores cando corre a noticia de que un profesor do centro faleceu. Semella que coa morte, arrastran tamén parte da realidade e a memoria educativa dun instituto e de varias xeracións de alumnos, que compartiron con ela emocións, intencións, descubrimentos e aprendizaxes.

Faleceu Chus, a profesora de Historia do Francisco Asorey, que tamén compartiu aulas no Ramón Cabanillas. En Cambados, un amplo manto de loito cobre o ensino secundario.

E aínda non somos quen de asumir a triste nova, a pesar de coñecer a loita desigual que, novamente, mantiña contra o cancro.

Chus García Piñeiro sempre foi unha loitadora. Dotada dunha afouteza interior poderosa, e cunha capacidade titánica para resisitir as dramáticas xogadas coas que a xenética marcou a lume a súa familia.

E sempre coa ollada limpa dos seus ollos azuis que miraban de fronte e que, ás veces, cubríanse de bágoas ao falar das memorias e das ausencias da súa vida.

Os que tivemos a fortuna de coñecela e de compartir aulas e vida con ela, sabemos da súa entrega e dedicación vocacional ao ensino, do seu amplo sentido de responsabilidade e de compromiso para axudar a construír centro e facelo nas mellores condicións de calidade e convivencia.

Todo o que tiña, a súa enfermidade, e o que sentía e sufría en carne propia, quedaba en segundo plano cando o timbre daba inicio á chamada das clases, con esa proverbial enerxía que sempre a definía e dese humor irónico que sempre a acompañaba...

Nunca te irás do Asorey, Chus, compañeira de Historia, amiga de tantos anos e confidencias... Aquí quedará sempre a túa memoria, subindo a clase, sorrindo e co globo do mundo na man... Quedarás para sempre como exemplo de dignidade e compromiso.

¡Que a terra che sexa leve!

*Domingo Tabuyo é escritor e profesor no instituto Francisco Asorey.

Pulsa para ver más contenido para ti