ESPECIAL 170 ANIVERSARIO

No mundo con mirada propia

Galicia, os seus axentes institucionais a todos os niveis e a propia sociedade civil, precisa interiorizar ese novo contexto que se vai trazando a nivel global neste tramo final da posguerra fría

Xulio Ríos.

Xulio Ríos.

Presidente de honra do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)

O mundo é hoxe un amplo espazo no que os diversos actores cooperan e compiten en función das súas expectativas e intereses nun contexto de fluidez nunca vista. E a diferenza doutros pasados, é cada vez máis perceptible o recoñecemento ao papel de instancias diferentes aos suxeitos tradicionais, os estados, desenvolvéndose políticas inclusivas para incorporar ás dinámicas globais aos axentes subestatais e ás propias sociedades civís, que operan como arietes incisivos dunha transformación máis profunda da comunidade internacional.

Condicionados polos grandes interrogantes que se abren nun momento de viraxe económica determinada por unha nova revolución tecnolóxica, importa calibrar de forma permanente e continuada a diagnose do momento presente. Ese estado de disrupción que marca un cambio de época é sinalado igualmente polo cambio climático e un dietario internacionalmente resumido nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. Tal plan de acción a favor das persoas, o planeta e a prosperidade que, como di a ONU, ten tamén a intención de asegurar a paz universal e o acceso á xustiza, sinálanos un marco operativo para abordar os desafíos asegurando as debidas sinerxías a escala global.

Para encarar tales retos, aos que cabería sumar a reiteración das densas crises humanitarias e a multiplicación de zonas de conflito, urxe un cambio de paradigma que integre e reforce a lexitimidade de diferentes actores que nos últimos lustros teñen asumido gradualmente responsabilidades, en moitos casos hoxe esenciais para garantir unha mínima eficiencia das respostas internacionais.

No económico, todos constatamos sen discusión como as dinámicas asociadas á mundialización e o impulso liberal suxerido trala fin da Guerra Fría levaron consigo un afrouxamento do Estado e a mingua do seu impulso ordenador das actividades globais e da súa insuficiencia. Isto desembocou na habilitación de fórmulas institucionais novas como o G20, de dubidosa eficacia ata o momento.

De igual modo, o Estado non abonda para co-liderar as funcións globais. É por iso que a complicidade de múltiples actores é indispensable no seu papel como socios e como conciencia para avanzar en compromisos estratéxicos que nos permitan afrontar as esixencias en materia de desenvolvemento, dereitos humanos, etc. Na práctica, así acontece dende hai tempo e só cabe esperar que sen moita demora ese maior sentido da responsabilidade derive na instrumentación de mecanismos que o recoñezan en maior e mellor medida.

Nun momento de incremento das tensións xeopolíticas globais, un sistema internacional en extremo dependente dos estados dificulta a plasmación de avances en ámbitos como o establecemento de normas ou a mediación para anticiparnos de forma preventiva aos vellos e novos retos coa ambición esixible. E é aí onde ese novo contexto permite e alenta un cambio de escenario que outros apenas limitan ao realiñamento xeopolítico entre as principais potencias, moi especialmente entre un Occidente liderado polos Estados Unidos e a emerxente China. Pero hai outras liñas de intersección e outros protagonistas.

O risco de que esta inflexión tenda a “resolverse” mediante o tradicional recurso á cirurxía bélica demanda unha participación activa da sociedade civil global para urxir diálogo e compromiso construtivos. Constátase o reforzamento das alianzas militares, a aparición doutras novas, as concertacións excluíntes de seguridade e intelixencia, o incremento do gasto militar, etc., tendencias que denotan escaladas de tensión e ata puideran presaxiar crises de maiores proporcións ás coñecidas. O acontecido na Ucraína pode ter alcances noutras zonas do planeta onde están en xogo non só intereses xeopolíticos ou xeoeconómicos senón tamén a propia vida de millóns de persoas, as primeiras vítimas en caso de conflito.

A acción dos suxeitos non estatais pero con influencia crecente na evolución local e global é indispensable para que o ben común se impoña nas prioridades da axenda internacional. É a sociedade civil a quen corresponde promover un enfoque da paz e da seguridade que lembre aos estados a necesidade de situar as persoas no epicentro das respostas mundiais ás crises, as que arrastramos nos últimos anos e as que están por vir. 

A interdependencia, unha nota característica do mundo en que vivimos, determina un exercicio de responsabilidade compartida fronte ás continxencias. Entender o mundo e concibir respostas aos desafíos equivale a contar cun elemental seguro fronte ás crises. Non se trata só dun concepto académico senón dun fenómeno ateigado de repercusións que afecta ao cotián das nosas vidas tal como vimos apreciando nos últimos tempos de forma, por veces, traumática.

Galicia, os seus axentes institucionais a todos os niveis e a propia sociedade civil, precisa interiorizar ese novo contexto que se vai trazando a nivel global neste tramo final da posguerra fría. Nese esforzo, que debe conlevar a formalización de estratexias específicas, interesa particularmente facelo con rigor e asegurando o seguimento profesionalizado. Non é un momento para marketing de venda e caixón na liña seguinte. De así facelo, como tantas veces temos feito, as posibilidades de perder o paso son extremadamente elevadas.

Debemos pular polos nosos intereses, obviamente atendendo á preservación do noso tecido industrial e produtivo, asegurando o seu futuro, outorgando a debida atención á conectividade, os transportes, as infraestruturas, que serán claves nas novas dinámicas. Neste sentido, importa especialmente identificar os sectores que mellor definen a nosa identidade económica, dende o sector primario ao enerxético ou turístico, preservando os nosos valores e poñendo a énfase debida no que nos diferencia e particulariza pois é dende esa identidade singular que poderemos internacionalizarnos mais doadamente.

O noso comercio exterior ou a captación de investimentos, eixes cada día máis relevantes, afectan de cheo á dimensión internacionalizadora. Eses potenciais con que contamos configuran un mapa de recursos nada desprezables que cun bo liderado público e implicación dende os colectivos e segmentos de base asegurariamos a idoneidade das estratexias.

As universidades e os centros de pensamento desempeñan nesta conxuntura un papel clave e deberan situarse na vangarda intelectual da internacionalización, en primeiro lugar, a partir das propias necesidades corporativas pero tamén das sociais e colectivas. Esa perspectiva debera integrar aquí tamén o liderado público que facilite as sinerxías e a captación de talento para ganar en impulso creativo sen perder de vista a conexión cos intereses inmediatos.

Os medios de comunicación teñen nesta altura unha función clave para sensibilizar e facer pedagoxía acerca do particular momento que vivimos. Dende o fomento da solidariedade á racionalización do diagnóstico e as alternativas, o seu papel determinante para transformar esa influencia nun revulsivo que nos sume á conversa global e que nos motive a participar nela cunha mirada propia.

Nun momento de maior receptividade das diversidades de todo tipo, contamos con activos igualmente singulares que a contrafío das correntes de uniformización, hoxe diminuídas sensiblemente, poden catapultarnos ata distancias inimaxinables. Unha canción, unha película, calquera expresión cultural, pode alcanzar a millóns de persoas e viralizarse en cuestión de horas. Fronte ao efémero consumo do momento, o seu pouso pode dilatarse con garantías de contarmos con engarces adecuados na institucionalidade cultural global. Non desprecemos con ignorancia o valor universal da nosa cultura. E o de todas.

No ámbito do noso estado, nun momento de debate político en que o territorial antóllase unha das liñas transversais de decantación da España do século XXI, Galicia non pode quedarse atrás agardando polos beneficios colaterais. No ámbito da internacionalización, onde xa adquirimos espazos con relativa vocación propia no eido comunitario, cumpriría ir máis aló, involucrándose de xeito máis activo e comprometido na política exterior do Estado e asegurando que o propio Estado incorpore máis a Galicia na definición – e na operatividade- das liñas básicas de acción exterior. Galicia pode contar cunha acción exterior ambiciosa e nese contexto tamén cabe demandar do estado que implemente acción exterior a través de Galicia. Eses dous eixes trázannos no mundo. Democratizar a política exterior é unha consecuencia lóxica dos tempos que vivimos e require transcender aquela opacidade -e ata secreto- que tradicionalmente connotou a diplomacia.

E deberamos tamén conformar como interese propio unha visión do mundo que reclame reformas en aspectos clave que van dende o comercio á arquitectura financeira internacional, a superación das desigualdades, o funcionamento das institucións globais, etc. Tantas son as dimensións da existencia humana onde todos podemos e debemos achegar respostas.

Facilitar a integración en coalicións globais que pulen por estas dinámicas, que favorezan a nosa internacionalización e universalización, sumando o noso grao ao doutros, é un imperativo no que os poderes públicos deben alentar o compromiso da sociedade civil. Esa complicidade, que non competencia, non xurde por xeración espontánea e é un reto a afrontar non só coa perspectiva de establecer varandas e contrapesos fronte ás dinámicas que mais frustración puideran xerar, senón para incidir, con voz e voto, nas solucións.

Este é un momento histórico de cambio, que será profundo a moitos niveis. Podemos optar por ser meros testemuños, conscientes ou non, simplemente reactivos, ou elixir ser proactivos. Os nosos vimbios son os que son, coas bondades e límites coñecidos, nin máis nin menos que outros, pero en moitos casos contamos con potencial abondo. Unha Galicia atenta, que podemos selo, é moito o que pode gañar no mundo que se aveciña.