Especial 170 aniversario

A cultura galega: espazo de comunicación

portadas 170 marilar

portadas 170 marilar

Marilar Aleixandre | Escritora, a súa novela “As malas mulleres” acadou o Premio Nacional de Narrativa en 2022

Un filme en galego acada a Cuncha de Ouro en San Sebastián: O corno de Jaione Camborda, directora de orixe vasca afincada en Galicia desde hai anos. Fai historia en varias dimensións, o primeiro en lingua galega e a primeira muller española –galega, coma min, aquí é onde constrúe a súa obra– en ser premiada. Engadirei a ollada feminista ao modo en que as mulleres son donas dos seus corpos, ou se lles impide selo, ás experiencias de mulleres, partos, abortos, ás redes tecidas polas mulleres en tempos difíciles. Jaione Camborda afirma que en Galicia encontrou un ambiente no que as súas películas xermolan. A cultura galega como espazo de comunicación, un termo caro a Margarita Ledo, é sobre o que aquí reflexiono.

Cultura galega é o ensaio, a tradución, o xornalismo, a Historia ou a investigación científica

Son as redes de afectos, en palabras de Ismael Ramos, celebrando o premio nacional de poesía a Yolanda Castaño, son os nosos propios espazos de traballo levantados por nós, di Yolanda, os que constrúen pedra a pedra como os fermosos valados, os que tecen o ambiente na que a poesía, a literatura, a cultura galega medra. Onde se sobrepón ao escaso apoio institucional, á ausencia de plans serios para sustentar a literatura en galego, a cultura propia. Comunicámonos, querémonos, emocionámonos xuntos. Ese espazo de comunicación pode explicar éxitos como os 21 premios nacionais para a cultura galega desde 2017, encabezados por cinco de poesía e poesía nova; deles 11 acadados por mulleres. Só recentemente se presta atención ao que escribimos, diriximos ou creamos as mulleres, sei do que falo.

Para min cultura galega é o ensaio, a tradución, o xornalismo, a Historia, premio que recibiu Ofelia Rey Castelao en 2022, ou a investigación científica, que premiou en 2023 ao arqueólogo Felipe Criado Bolado. Cómpre celebrar tamén outros galardóns como o de novela negra que leva o nome de Domingo Villar, acadado por Diego Ameixeiras. Neste ano preguntáronme máis dunha vez: que ocorre en Galicia? Resistencia, respondo eu, resistencia, cariño, redes, espazos de comunicación. Unha cultura necesaria para termar dunha lingua ameazada. Unha cultura e unha lingua que merecen, como escribiu Cunqueiro, quen en FARO encontrou acougo, mil primaveras máis.