ESPECIAL 170 ANIVERSARIO

Compromiso cos lectores e coa verdade

sntalices

sntalices

Presidente do Parlamento de Galicia

Nun libro de recente publicación, o xornalista e divulgador escocés Johann Hari analiza con detalle os efectos devastadores que a perda da atención está a provocar en case todos os ámbitos da nosa vida cotiá, desde o rendemento laboral ata o tempo de ocio.

Aínda que aparentemente poda semellar un fenómeno novo derivado da extensión das tecnoloxías da información e a comunicación e o uso masivo de pantallas, a perda de atención nos seres humanos é un fenómeno máis complexo, con causas e consecuencias diversas.

Somos moitos os que coincidimos en que os efectos da lectura en pantalla son diferentes aos de cando a lectura se efectúa sobre o papel. Ata tal punto é así que xa hai expertos que falan do fenómeno da “inferioridade de pantalla” para describir as diferencia de comprensión entre os soportes dixitais e o papel.

Quero dicir con isto que malia o crecente consumo de produtos dixitais -sexan estes xornais, vídeos ou calquera outra oferta que podamos imaxinar-, o xornal en papel mantén a súa plena vixencia.

Son o primeiro en recoñecer todo o beneficio derivado dos avances tecnolóxicos.

Ninguén discute, por exemplo, o salto de xigante que supuxo a implantación da receita electrónica ou da historia clínica dixital, por citar dous exemplos do ámbito profesional do que procedo, e nos que Galicia foi pioneira.

A consulta dos xornais dixitais nos teléfonos móbiles forma parte da rutina cotiá dunha inmensa maioría da xente.

A emisión en streaming da actividade parlamentaria permítenmos chegar a xente que doutra maneira non podería seguir os debates en directo, do de mesmo xeito que o repositorio de vídeos ou as versións electrónicas do Diario de Sesións ou do Boletín Oficial do Parlamento de Galicia constitúen unha ferramenta valiosa que ofrece enormes vantaxes respecto á forma de traballar de hai 30 ou 40 anos.

Malia estas e outras realidades que calquera persoa experimenta no seu día a día, a lectura repousada do xornal en papel segue sendo, para moitos, unha experiencia insubstituíble, hoxe, como hai 170 anos, cando apareceu o primeiro FARO DE VIGO.

Resulta obrigado recordar a todos quenes ao longo da historia integraron esta familia xornalística

Miguel Ángel Santalices

— Presidente do Parmalmento de Galicia

Parafraseando a expresión copiada do libro de Hari creo que podemos falar, e con razón, da superioridade do papel. Superioridade de comprensión e de tamén de reflexión.

A conmemoración do 170 aniversario de FARO DE VIGO constitúe unha ocasión única para reivindicar os valores que agora, como outrora, inspiraron e continúan a inspirar o traballo dos bos xornalistas, como os desta cabeceira decana da prensa española, que responden decote a un dobre compromiso: cos seus lectores e coa verdade.

A Galicia dos nosos días pouco ou nada se parece á Galicia de mediados do século XIX, cando saíu á luz o primeiro exemplar de FARO DE VIGO. Mesmo se parece pouco á aquela Galicia de finais dos setenta e comezos dos oitenta do século pasado, a da transición e dos comezos da autonomía.

Porque, cómpre subliñalo, o gran avance de Galicia -probablemente o maior de todos os tempos- chegou da man da democracia e da autonomía.

Como presidente do Parlamento de Galicia, sempre que teño ocasión -e esta ben o merece-, recordo e agradezo expresamente o apoio brindado polos medios de comunicación á consolidación da democracia e da autonomía, e aí están as páxinas de FARO DE VIGO para deixar constancia dese apoio, día tras día.

Canda o agradecemento polos servizos prestados á causa de Galicia e da súa autonomía, na celebración destes primeiros 170 anos de vida de FARO tamén resulta obrigado recordar a todos os homes e mulleres que ao longo da historia integraron esta gran familia xornalística. Lembranza de recoñecemento para todas e todos, e moi especialmente -por razóns de índole persoal- para Álvaro Cunqueiro e Ceferino de Blas, referentes permanentes na historia do xornalismo e da cultura de Galicia.

De hoxe noutros 170 anos!