Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Tres Luces

Escribiu (tamén en galego) poesía descontaminada de modernismo e ben limpa. Foi prosista crítico e ensaísta de altura. Andou no teatro e a súa inquedanza levouno a estar nos inicios do cine galego

Vladimir Ilych Lenin (1870-1924), durante un discurso.

En 1776 atronou o mundo o manifesto político que abría a Idade Contemporánea. E el non foi outro ca unha declaración unilateral de independencia que ía acompañada de insurrección. Falamos, desde o Fondo dos Espellos e con admiración, aprendida en Jules Verne, da Declaración de Independencia dos EEUU.

Pouco despois, o acontecemento da Revolución Francesa, fixado para sempre na Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789, e, máis claramente, na de 1793, estatuía tres palabras que habían de ser ineludibeis como frontispicio da vida social, da cultura, do dereito e da esperanza do xénero humano: Liberdade, Igualdade, Fraternidade. Vexan que os franceses non puxeron vírgula entre os dous termos finais da serie léxica porque o lema podería seguir sendo ampliado.

E foino en 1917 e en Rusia, ao lle seren engadidas ás anteriores as verbas Comunismo ou Socialismo. E máis, a unidade equiparada dos sexos humanos tal como quixeron Flora Tristan Moscoso (de longa castimonia galega), Alexandra Kollontai, Liubov Popova e as radicais suprematistas, Simone de Beauvoir andando os tempos. E a nosa, infeliz Hildegart Rodríguez Carballeira.

Estes (1776, 1793, 1917) son os degraus cos que a contemporaneidade ascende cada vez a estadios máis altos de Libertade e de felicidade colectiva e individual. Sobrevoa sobre a conciencia contemporánea, o Principio Esperanza que percibira Ernst Bloch. Estes anos citados proxectan tres luces emancipatorias que nos incendian o ánimo desde o pasado en Philadelphia, París e Petrogrado. Sen estas Tres Luces, a Libertade sería un ben para só gozaren as clases opresoras.

O dereito dos pobos e nacións á súa autodeterminación nunca poderá ser negado desde o intre en que o mundo coñeceu a Declaración de Independencia dos EEUU. Os dereitos individuais e o necesario amor e irmandade entre os suxeitos civís constituintes nunca máis poderán ser ignorados a partir da Revolución Francesa. Os dereitos colectivos e feministas, trala Revolución Rusa, serán moitas veces conculcados, pero hai unha estrela vermella que, nalgún punto do ceo ateo, avisa da ilexitimidade radical da explotación de humanos por outros humanos.

Está o mundo a conmemorar estes días o centenario da Revolución de Outubro, tales fastos reactivan a colección de memorias, incluso prenatais, que agurgullan no Fondo dos nosos Espellos. Penso que ben se pode mirar Octubro na secuencia revolucionaria que, como dixemos, se abriu coa Declaración de Independencia dos EEUU e coa Revolución Francesa a seguir. Con Marx, diremos que a presenza proletaria nas revolucións do século XIX foi signo do advenemento doutra era. A presenza dos traballadores unidos aos estudantes no Banquete de Conxo, no ronsel do movemento de 1854 que os propios Marx e Engels souberan analizar, indica un camiño que, aínda que pareza saído dun relato fantástico, culmina realmente na toma de poder polos Soviets. Todo pende de todo na Historia. E da mesma maneira que o protonacionalismo galego desde 1846 tivo o acerto de construirse a si mesmo iluminado pola luz da Revolución Francesa, o nacionalismo e independentismo noso, nado nos anos sesenta do século XX, optou sen dúbida polas ideas emancipatorias internacionalistas e avaliadas pola Unión Soviética que mudaron a base e a fase do mundo cos movementos nacional-libertador. Movementos moi visibeis en Asia, África e América Latina, e sempre presentes na Europa Occidental onde os representou, en forma da vangarda revolucionaria a Irlanda inspirada por James Connolly.

E todo pasa, o cal é preciso recordar unha e outra vez. Todo o sólido se esvaece e, do mesmo modo que a humanidade xa non está nas cavernas, ela habitará un día palacios tan humanos que hoxe só podemos imaxinar como celestes.

CAIXA POSTAL

  • Benito Fernández Alonso naceu, segundo teño entendido, en Terrachán, capital do concello de Entrimo, no ano 1848. Morreu en Ourense, onde residía, en 1922. Foi un erudito que se ocupou de historia e, especialmente, de arqueoloxía. Foi figura central da cultura na cidade e provincia de Ourense. Outro ourensao moi culto e actual, Adolfo Rego, despois de ler amabelmente os artigos publicados nesta mesma sección sobre o mundo Rom, remexou nos fondos da súa biblioteca e diu cun artigo de Fernández Alonso titulado "Los Gitanos. Su abolengo en Galicia", que se inclúe no Almanaque Gallego de 1903. Fernández Alonso non se acolle á xitanoloxía máis solvente que xa existía en 1903, e si se fai eco dun cúmulo de fantasías que moitos autores que trataron dos Rom se foron copiando os uns aos outros. Sostén que os xitanos xa estaban aquí nos tempos da provincia Gallaecia romana. E observa a súa presencia, co nome de "Vascones", desde o século XI como xentes ben documentadas. Nada disto é certo. Non deixa de ter graza o erudito entremesellano, como soía decer humorísticamente o Xocas, cando relaciona a nación Rom nada menos que coas Gnose e cos Gnósticos. Por ese camino chega o noso historiador a (mesmo) Prisciliano. Non terán grande valor histórico estas poucas páxinas do sabio, e neste caso crédulo, Benito Fernández Alonso. Pero poden lerse, en canto literaturas de ficción, con moito pracer, pois o cadro que el pinta coa súa pluma é variado e sumamente entretido. O caso é que moitas destas fantasías que desde antigo se veñen repetindo a propósito dos Rom, foron, con frecuencia, fomentados polos propios membros desta vella nación errante. Pero, non hai dúbida de que moitos datos que nos fornece Fernández Alonso no seu artigo son veraces e interesantes, alén de nos proporcionar un documento único para detectarmos o estado de coñecemento en materia de xitanos que tiña un sabio historiador que vivise entre 1848 e 1922, en Ourense.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats