Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Estano e brétemas: permanencia de Cornll

No poema de Moore, Rosalía sitúase fóra da historia política dos estados e imperios europeos. Non hai nel ningunha mención da España topicamente heroica da Guerra Peninsular

Cabo Land's End, a Fisterra córnica.

O río Tamar separa Inglaterra de Cornwall, en galego Cornoalla e, na lingua céltica propia, Kernow, aínda que as fontes clásicas se referan a Cornubia. O país no que naceu o avó Trulock de Camilo José Cela é unha especie de Morrazo británico cuxo Cabo de Home é o Land´s End ou Fisterra de aló (hai outro na Armórica). País de altas debrocas, de gándaras largacías, de gado ben mantido, Cornoalla ten vilas mariñeiras, coma Pensanze, nas cales o pobo sabe comer centolas.

Dunha vez, a miña muller e mais eu fixemos noite en Carrick, nunha taberna e pousada acolledora. Na viaxe aprezamos coincidencias de ambiente e paisaxe coas restantes seis nacións celtas, fillas do Pai Breogán. Nas aldeas persistían vellas corredoiras entre muros de cachote miúdo que nos transportaban a Beariz e ao Testeiro. A costa era tipo Estaca de Bares ou tipo Ortegal. Chamaban a atención os cruceiros, pequenos e extrañamente pintados de branco. Os nomes de lugar soaban duros, coma Polperro ou un Zellah que vin de lonxe e asociei, na liña máxico-prodixiosa e de xeito imposíbel, con Cela. Os ingleses sorpréndense da toponimia de Cornwuall, como mesmo recoñece a Encyclopaedia Britannica.

Nembargantes, todo o mundo fala inglés en Cornoalla, xa que a lingua propia, o córnico ou cornish, deixou de se falar á fin do século XVIII. Dicía que entramos na pousada de Carrick. Onde o albo dos dardos, estaba fixada con chinches unha folla sacada do semanario do condado, The Cornish. Na folla había un texto escrito en córnico coa súa tradución ao inglés, e notas didácticas de gramática e vocabulario.

Un movemento minoritario, pero moi vivaz, trata de recuperar a vella lingua córnica, que actualmente falan e escriben tres mil persoas ou así. Unha delas resultou ser o patrón do pub de Carrick. O ideal destes entusiastas é facer revivir o córnico do mesmo modo que os xudeus de Israel fixeron revivir o hebreu no século XIX e XX, cando era unha lingua ben coñecida pero morta. Portanto, na pousada de Carrick demos cunha proba da existencia de persoas que pulan por restaurar a lingua deglutida por Inglaterra, como diría Ives-Jean Calvez.

Durante máis de tres mil anos os habitantes de Cornoalla furaron a terra en procura do estaño que contiñan as súas entrañas graníticas. Agora os córnicos fan minas na súa memoria histórica para extraer no máis fondo anacos do espírito comunal que son as verbas soterradas.

Estamos a ler unha novela cuxo tema é Cornoalla e a cuestión da súa lingua: Francisco Coimbra (sen til), Crónica Córnica, Xerais, 2016. O argumento é este: Os viciños de Kernow, Cornwall, Cornubia, Cornoalla, ou sexa as xentes que viven, ao Oeste do Tomar, no Morrazo que termina na Fin da Terra, unha mañán calquera erguéronse da cama e comezaron a se saudar cun mytin da en lugar do good morning que viñeran usando durante douscentos e tal anos. Daquela, todos os que tiñan mulleres, namoros ou fillas de nome Margaret puxéronse a chamarlles Demelza, coma a protagonista do romance e das series do capitán Poldark. A lingua córnica voltaba ser falada polos descendentes das víctimas do xenocidio cultural. E ben, a novela conta que a resurrección do córnico incomodou moito en Londres, e non digo máis por non lles tirar a vostedes o desexo de ler Crónica Córnica, de Francisco Coimbra. Novela que, para min, ten arrecendos de Jonahan Swift, de J.J. Rouseau e de Voltaire, por canto se trata dunha sorte de "roman philosofique" ou novela filosófica. Xa Saramago intentara refundar o xénero en clave histórico-política n´A jangada de pedra. Pero a intención do hispanoportugués é moi diferente da de Coimbra, un escritor galego natural de Madrid e residente no Brasil. Eu relacionaría esta Crónica Córnica coa novela gráfica que Reimundo Patiño titulara O home que falaba vegliota, pois, e aínda que a linguaxe narrativa sexa diferente, a intención de acirrar o pensamento, a través da arte e da literatura, a se pronunciar política e éticamente sobre a violencia lingüística que os Imperios exercen sobre pobos inermes é a mesma.

Digamos que a novela do Francisco Coimbra é máis complexa do que poidan parecer no comén da súa leitura e que o humor e a imaxinación poética se combinan de forma que a lectura vai facéndose pracer pensativo.

Alén de país real, Cornoalla é un espazo literario autónomo universalmente coñecido. En Cornoalla poden ser visitadas as ruínas do Castelo de Tintagel, sobre o mar noso, onde é fama que naceu Rei Artur. E en Cornoalla sitúanse os acontecementos principais do conto difuso e inmortal de Tristán e Iseu. Xa iremos tratando niso.

CAIXA POSTAL

  • Recibimos o interesantísimo traballo de Xan Anllo titulado "Del aula a la mina: el nacimiento del antifranquismo en la Universidad", na revista numérica Huffington Post. Anllo, intelectual galego, especialmente sociólogo, analista da historia e ensaísta, ocúpase no seu traballo dunha institución que tivo grande relevancia na formación de elites universitarias críticas nos anos cincuenta. O SUT (Servicio Universitario del Trabajo) fora fundado polo Padre Llanos en 1955, aínda que pouco máis tarde houbo de converterse nunha rama do SEU (Sindicato Español Universitario, de afiliación obrigatoria). Do que conta Anllo despréndese a idea de que estudantes democristiáns da UDE, do FPL (organización NIU), socialistas de ASO e, naturalmente, do PCE, usaron moita da plataforma do SUT para participaren en campos de traballo, en contacto coa clase obreira real, e máis para celebraren memorabeis ciclos de conferencias, coma o da Facultade de Dereito de Madrid, en 1958, que nós gardamos ben gardado no Fondo dos nosos Espellos. Parece que Madrid e Barcelona eran os dous pólos e asentamentos principais do SUT. Conta Carlos París nas súas memorias que lle sorprendeu moito, á chegada del a Compostela como catedrático, que eiquí non houbese unha liña activa de falangismo como o que o profesor confesaba, ou sexa social e politicamente "revolucionario". Decepcionouse París ante un SEU compostelano inoperante e illado na masa escolar, o que el atribuía, con razón, a terríbel represión fascista iniciada en 1936 que converteu a Falange, en toda Galicia, nun organismo odiado. O traballo de Anllo demostra que en Galicia non houbo SUT. Mesmo o único campo de traballo pesqueiro que organizou o SUT non estaba en Galicia senón en Cudillero. No SUT estaba, si, a Falange de esquerdas e evoluída xunto coas organizacións universitarias antifranquistas que acabamos de citar. Entre os antifranquistas que usaron do SUT, Anllo cita nomes tan importantes como Tamames, Pradera, Vázquez Montalbán, Isidre Molas, e unha longa lista de notabilidades. Penso que o único galego que aparece en escena usando do marco do SUT para fins de resistencia ao sistema é o propio Xan Anllo. A Universidade galega estopou en 1968 e os líderes do movemento nunca pasaran nin polo SUT nin pola colaboración, sequera en calidade de infiltrados, co SEU. O importantísimo artigo de Xan Anllo fainos reflexionar, unha vez máis, no feito de que o Movemento Universitario galego foi autónomo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats