Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

De Milmanda en Milmanda

Na Idade Media, e antes, castelos, vilas fortificadas, grandes mansións, recibían nomes meliorativos, con frecuencia de orixe extranxeira

Milmanda (Celanova).

No actual municipio de Celanova érguese nun outeiro, sobre o río Tuño, o chamado Alcácer ou Alcázar de Milmanda. Alí hai vestixios de fortificacións e a torre de menaxe dun famoso castelo foi adaptada para campanario de igrexa parroquial. A centos de quilómetros de alí, nas partes altas do Ródano e nas abas e curuto dunha montaña achamos a aldea de Mirmande, que en occitano é Mirmanda. Hai en Mirmanda restos dun castelo do cal, a torre de menaxe foi reutilizada como campanario da igrexa local. A metade do camiño entre a nosa Milmanda e a Mirmanda occitana batemos, en Cataluña, co que queda dun castelo de Milmanda, aproveitado, neste caso, para adega dos viños da casa de Torres.

Estas coincidencias onomásticas non poden resultar demasiado sorprendentes en Galicia, onde hai un río que se chama Borbón e unha aldea que ostenta con dignidade o nome de Franza. Sorprendente é un dato que nos fornece Fortes Bouzán. Segundo este historiador nos ensina, polos peiraus de Pontevedra exportábase, ou importábase, no século XVI, un viño chamado "de Milmanda". Dado que a Milmanda de Celanova non é especialmente vitivinícola, a qué Milmanda se están a referir os documentos mercantís de Pontevedra? Eu non llelo sabería decer.

Para Milmanda/Mirmanda téñense proposto diversas etimoloxías. É insistente a proposta xermánica, que parece estar clara na primeira sílaba do topónimo. Ese mil/mir procedería do xermánico (gótico mereis) e comportaba a idea de "grandeza" ou "excelsitude". Tal elemento está presente nos antropotopónimos galego-xermánicos (TAXX) terminados en -mil, que son certamente lexión: de Castromil a Samil pasando por Vilamil. Como a segunda parte do topónimo non está tan clara, pasamos a outra familia de interpretacións de Milmanda, as cales se centran en Miranda. Estas teñen un pai tan célebre como Leite de Vasconcellos e apuntan a un étimo demasiado evidente: o latín mirandvs, -a, -um. Ou sexa: digna de ser admirada, a construcción do castelo ou a paisaxe que se enxerga desde o seu adarve. Desde logo hai ben de Mirandas en Galicia, en Portugal e noutras partes da Romania. Non sería disparate concebir unha contaminación entre unha Mirmanda/Milmanda xermánica e unha Miranda de orixe latina. Houbo, asi propio, algún que viu sombras prerrománicas en Miranda/Milmanda e asociounas coas Arandas e as Peñarandas españolas. Deixemos isto e observemos algo ben curioso, abofié. A menos de cincuenta quilómetros de Mirmanda, en Occitania, aséntase a cidade de Valence (en occitano, Valença) e, a unha distancia semellante da nosa Milmanda, érguense as murallas de Valença do Minho. Outras cidades, vilas e castelos venerabeis seguen a levar hoxe o nome de Valencia, Valence, Valença, que procede do latín Valentia. O rei Alfonso III seica reconstruiu a vila fronteira con Tui (aínda Portugal non nacera) e decidiu porlle un nome, mais bonito do que tiña, que era algo así como Contrasta:"€ mvtavimus sibi nomen Contrasta et impusimus ei nomen de Valentia" -comentou o rei, ao parecer moi satisfeito do cambio que fixera.

Na Idade Media, e antes, castelos, vilas fortificadas, grandes mansións, recibían nomes meliorativos, con frecuencia de orixe estranxeira. A Rochaforte, castelo do arcebispo de Compostela, foi nomeada así, en francés, por razóns de fachenda e de prestixio feudal, no século XII. Os Monforte, Miragaia, Monterrei, Nóvoa ou Nóvula, Vilalba (en vez de Montenegro), son nomes que gaban con orgullo o poderío e maila nobreza do edificio, ademais da súa fermosura cortés. Con frecuencia, estes nomes meliorativos e arrogantes son imitados por pazos, torres, bastidas e castelos doutros reinos e países. En todo caso aqueles Vilafranca, Monforte, Belavista ou Belvís, Monterrei, adaptados a varias linguas, ofrecen unha paisaxe toponímica feudal certamente paneuropea.

Cal sexa, apuradamente, a orixe etimolóxica das Milmandas non é cousa que vaiamos elucidar aquí. En todo caso, hai unha artigo de Dieter Kremer que trata no asunto manograficamente. Diremos só que estamos seguros de que Milmanda/Mirmanda é un deses topónimos nobiliarios paneuropeos e abondo emigrantes de que tratamos. Con certeza, a de Celanova é a única Milmanda de Galicia.

Mirmanda (oficialmente, Mirmande) está promovida turisticamente como unha das cen aldeas máis belas de Francia. O ascenso ao cume do noso Alcácer de Milmanda, so unha abóbada de ramallos épicos e misteriosos, merece, e non menos, unha visita. En Mirmanda viviu e traballou o escritor e pintor vangardista André Lothe (1886-1962). Ao pé do castelo da nosa Milmanda, en Santa Eufemia, naceu, escribiu e pintou o galego Xosé Manuel del Caño, felizmente activo, asimesmo, no xornalismo. Da Milmanda catalana non teño outras noticias que non sexan as referidas ao viño. Neste dominio engarráfase un branquiño do tipo Borgoña feito con uvas da caste chardonnay cuxos bacelos medran arredor do castelo. Este branco xira no mercado co rubro de "Milmanda". O cal nos leva a preguntarnos unha e outra vez cál era o viño, enigmático que se comerciaba en Pontevedra como "Milmanda" no século XVI.

Todas as Mirmandas e Milmandas encóntranse conectadas por unha mina clandestina. Hai unha espada Mirmanda que está á espera do seu novo señor nun pozo do meirande río da Galia, o Ròse ou Ródano. Nalgún pego ou piago do Tuño descansa, en leito de ovas de lamas, a espada Milmanda, que tamén será algún día resgatada para o asalto definitivo.

CAIXA POSTAL

  • (€) Quixera elevar á súa consideración a palabra dorna. Estamos afeitos a que o único significado do vocábulo dorna sexa o nome dunha embarcación que se usa nas Rías Baixas. Mais tamén, e xa Martín Sarmiento, a mediados do século XVIII, recolleu que dorna era tamén unha vasilla de madeira onde podía fermentar o viño. Ou aquela acepción que fala da tenda de viño que se tiña que pagar (€)".Andrés Dacosta PazCombarro (Poio)Está moi acertado o señor Dacosta Paz na súa carta, da que, por razóns de espazo, só podemos publicar unhas liñas. Que eu saiba en galego temos as seguintes acepcións de dorna. 1.- Recipiente onde se pisa ou fermenta a uva. 2.- Recipiente onde se lle da de comer aos animais; pía; manxadoira. 3.- Recipiente onde se salga o porco; artesa. 4.- Recipiente no que se recolle o viño na trasfega. 5.- Peza do muíño, a xeito de caixón desde a que se lanza o grao. 6.- Medida de capacidade para líquidos. 7.- Barco do río Miño (en Ourense) que consiste en dous troncos valeirados e unidos. 8.- Barco movido a vela e remo característico da ría da Arousa, da illa de Ons e de Bueu.Penso que o diccionario máis rico en referencias a dorna é o Gran Xerais. Os portugueses coinciden nas acepcións co galego. En castelán existe duerna e dornajo con significados de "recipiente". Coñécese dorna en occitano, con valor, tamén, de continente para líquidos.Temos, en galego, derivados como dornallo, dorneira e outros que son coñecidos no portugués.A evolución semántica debeu de se producir a partir dun estado primitivo no que os significados relacionados con "recipiente" eran os únicos vixentes. Ao asemellarse un determinado tipo de dorna "recipiente" cun modelo de embarcación, se cadra novo, este foi designado así. Sei certo que o significado primitivo de gamela, antes de lle ser aplicado o nome a unha embarcación, foi mesmo de artesa. Parece ser que o barco dito buceta tomou o seu nome do dunha caixa ou cofre, posibelmente procedente do occitano atlántico gascón. Existiron e existen referencias sexuais de carácter expresivo ocasional en dorna e en buceta. O cal non, nos ocupará agora, aínda que teña un interese psiconalítico. A respecto da etimoloxía, pouco sabemos da procedencia da palabra dorna. Non me parece moi convincente o étimo céltico que algúns propoñen. En todo caso, a diptongación do o tónico en duerna castelán indícanos que a palabra existiu xa no latín vulgar de algunhas zonas de Hispania, que extenderíamos aos territorios da Narbonense que na Idade Media e hoxe son Occitania.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats