Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alberte Momán: "En Tripas mostro o que queda despois das experiencias que me marcaron"

Tripas, publicado por Belagua Edicións e Comunicación, é o titulo do novo libro de Alberte Momán (Ferrol, 1976). Trátase dun poemario poboado de imaxes eróticas, cotiás e íntimas. Son textos multiformes, (poemas breves, poemas narativos...) de rotundos versos, fieis á súa singular estilística, e que falan da insatisfacción vital, das relacións pesoais e sociais, das perdas ou da sensación de afogo.

O escritor ferrolán Alberte Momán. FOTO: adrián ferreiro

Alberte Momán posúe un bo número de obras publicadas, tanto en narrativa como en poesía. Membro do colectivo poético "A Porta Verde so Sétimo Andel," fundado en Vigo en 2005, é un destacado representante da vangarda da creatividade poética galega actual, tan prolífica como heteroxénea.Entre outras obras, Momán ten editado, en narrativa, Os quilómetros que percorremos dende aquela (2011) ou Bosquexos para unha distopía (2016), así como os poemarios As mil horas (205) e A chuva que derrete a mármore até chegar ao cadáver (2016), ademais de ter participado en varios libros colectivos de poesía.

- Adoita Vde. alternar a poesía coa narrativa, cando quere contar ou transmitir algo. En función de que razóns elixe un xénero ou outro?

-A verdade é que cada vez atopo menos diferenzas entre os xéneros.Tendo a simplificar o discurso, elaborando unha escrita dinámica que circula na fronteira entre poesía e prosa.

- Sendo a poesía posibelmente o xénero máis difícil de traducir, por que tomou a decisión de editar Tripas en edición bilingüe (galego-castelán)?

- Non é a primeira vez que o fago así. De feito, xa foran traducidos textos meus a outras linguas. Refírome a libros como A seiva calcinada, publicado en edición trilingüe galego/español/italiano, ou Erótica editado en portugués/inglés. Estes libros chegaron a puntos distantes e a persoas que, doutro éxito, nunca terían a posibilidade de lerme. A min gústame pensar que iso pode chegar a acontecer cun libro meu. Por outra parte, neste volume en concreto trátanse temas universais que poden callar entre lectoras e lectores de diferentes culturas.

- O crítico literario deste suplemento, Román Raña, na recensión de Tripas , definiu o seu poemario coma un exemplo de"poética da desolación". Está de acordo con esta estima?

-Existe certa compoñente de desolación en canto un corpo mostra o que naturalmente permanece agachado. Neste libro o que eu pretendo é mostrar de forma bastante explícita o que queda despois de distintas experiencias que marcaron a miña existencia. Non está escrito para compracer, senón que se trata dunha escrita case terapéutica, una escrita que me axuda a comprender certos acontecementos da mina vida.

- Tripas é un poemario que racha con respecto as súas obras poéticas anteriores ou hai nel unha continuidade, un xeito propio e identitario de entender a poesía?

-Adoito dicir que levo anos escribindo o mesmo libro. Eran moitos os aspectos da miña vida que precisaba clarificar. As maiores afinidades con ltextos anteriores posiblemente se dean entre este e o titulado Os quilómetros que percorremos dende aquela. Con todo, considero que Tripas é un punto de inflexión, xa que a narrativa posterior, incluso a que se construíu de forma paralela, racha un pouco esa dinámica, abandoando en parte a escrita terapéutica para abordar outras cuestión que me resultan interesantes.

- Podemos consideralo, xa que logo, coma un libro de madurez?

-Trátase dun libro que me acompaña no proceso de maduración. Dende o punto de vista creativo, ese é un proceso que non remata nunca, polo que non creo que chegue a ese estado último de madurez. A nivel persoal, agardo seguir medrando indefinidamente.

- O título, dende logo, semella unha declaración de intencións. Tal vez sexa esta a obra máis íntima, a que máis o reflicta a Vde. mesmo, como ser humano e, ao tempo, como poeta?

- O poemario foi froito de experiencias difíciles, e iso fai que se trate de textos especialmente íntimos. Tamén tivo unha xénese mais longa que libros anteriores, o que fai que me mostre en distintos estados. Coido que, en certo modo, se trata dunha culminación, pero, aínda con iso, considero que a miña obra posterior vai servir de igual modo para definirme. Penso que nos meus libros estou presente de forma moi marcada.

- Nun dos poemas pregúntase: "Para que serve a poesía"? Eu pregúntolle a Vde. aquí e agora: para que lle serven os versos a Alberte Momán ?

-A poesía serviume para escoitarme a min mesmo e para elaborar teorías sobre o mundo que me rodea.

- Que teñen os poetas que non teñen o resto de escritores?

-Eu non faría diferenzas entre personas que se moven pola pulsión de contar. Faría diferenzas entre aqueles que viven todo o que acaban plasmando nas páxinas e aquelas outras persoas que defenden os intereses dun mercado. Non me gusta facer diferenzas entre xéneros.

- De cales poetas se sinte Vde. herdeiro ou, cando menos, influído no seu xeito de entender a poesía?

-Non sería quen de enumerar as miñas influencias. Escribo porque son lector, xa que, doutro xeito, me resultaría imposible facelo. Coido que todo o que me vén servir como ferramenta para elaborar o meu discurso.

Compartir el artículo

stats