Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O botellón e outros desastres

Unha mirada crítica

Detalle da capa de Itinerario do botellón, de Fervenza Edicións.

Está entre nós por escribir a historia do teatro escolar, no que vén traballando un colectivo moi diverso de mestras e mestres, que, moitas veces sen outras ferramentas que a súa vontade de dinamizar a vida dos centros e o lecer do alumnado, animan grupos cunha vida as máis das veces efémera, pero sempre cunha forte dimensión formativa, especialmente no eido de todas esas competencias que a escola, tan centrada en aprendizaxes medibles e pouco útiles para a vida, acaba por esquecer. Falamos de aprendizaxes que fomentan capacidades expresivas, comunicativas ou emocionais, e que promoven experiencias de socialización auténticas, sempre alleas a todas as modas, mesmo a aquelas que se aventuran no terreo da "sanación" e dunha auto-axuda que tantos curandeiros deberían comezar por aplicar a si propios. O "mindfulness", por exemplo.

Todas esas mestras e mestres manteñen contra vento e marea o pulo cultural en moitos centros de ensino, sen que as administracións educativas teñan reparado na necesidade de imaxinar, pensar e desenvolver medidas para tirar todo o potencial dunhas actividades que, convenientemente apoiadas e promovidas, permitirían afincar un ámbito de lecer e recreación asentado no que autores como Manuel Cuenca Cabeza teñen definido como "ocio autotélico", orientado á formación integral e permanente da persoa. Un enorme capital humano que se vén desaproveitando de forma insistente e recorrente desde moitos anos atrás, o que tamén informa dos valores e fins de vida de quen goberna e administra nos campos da educación e da cultura.

En boa medida toda a fonda hipocrisía coa que unha parte moi importante da clase política (pois son clase), das administracións, dos grupos de poder socioeconómico, e da mesma sociedade, consideran problemas coma os do botellón, agroma con forza neste interesante texto de José Luís Graña Muíño, un deses profesores de galego que ten tras súa unha longa traxectoria na promoción da actividade cultural como ámbito de sociabilidade, relación e recreación para a mocidade, desenvolvida en centros de Rianxo, Cariño ou Miño. Unha proposta que ademais ofrece moitas posibilidades no seu tratamento escénico, o que permite reforzar a dimensión creativa da posta en escena.

No texto que hoxe presentamos, titulado Itinerario do botellón, que vén de publicar Fervenza Edicións en 2017, preséntanse un conxunto de escenas nas que se recrea a forma en que diferentes sectores sociais enfrontan un problema que ocupa e preocupa desde hai ben de tempo a innúmeras persoas, só que as máis das veces as solucións que se buscan non teñen nada que ver coa necesidade de ofrecer alternativas diferentes de lecer a esa mocidade que precisa tempos e espazos de expansión vivencial e de aprendizaxe emocional, senón que procuran aproveitar todo o potencial de consumo desenfreado dunha elevada cantidade de mozas e mozos que en actividades coma o botellón recrean vellos ritos de iniciación propios das máis vedrañas sociedades agrarias. Cabe certamente analizar o tal fenómeno nunha perspectiva de cerna antropolóxica, tendo sempre en conta estratexias sumamente poderosas como a deturpación cultural no sentido máis amplo que poida ter a palabra cultura. Facelo sería un avance.

Son un total de vinte e catro escenas, agrupadas en dous actos, que se conciben en clave de presentación e epílogo, nas que se mostran as diferentes posicións dos grupos de interese, sexan os traballadores da empresa de limpeza que se queixan dos salarios baixos en relación a unha faena en progresión constante, sexan as sufridas familias que conviven co ruído, o lixo, as pelexas e unha permanente incomodidade vital. De maneira precisa o dramaturgo implícito recrea a forma reducionista en que se consideran problemas de tal transcendencia, sen esquecer os efectos secundarios das medidas paliativas que máis que resolvelos o que perseguen é facer caixa, para beneficio dos de sempre. Pois non só se fala de botellón, senón tamén de violencia xuvenil en pelexas de grupo, ou dunha crecente taxa de embarazos non desexados en mozas cada vez máis novas. E a cuestión non está en repensar os tempos e os espazos do ocio, senón en considerar con rigor o propio concepto de ocio, as súas funcións e posibilidades. Por iso cabe dicir que estamos ante un texto fortemente comprometido co presente, e decididamente republicano, pois que se ocupa dos problemas que afectan seriamente a nosa república e o seu futuro. Lonxe dos exercicios de estilo asentados no padecer dun eu doído e doente, tan propios da dramática máis posmoderna, allea á realidade máis crúa, por moito que se queira radical e disidente, este texto interpélanos directamente, e deixa no aire a pregunta que a día de hoxe segue sen contestar: que facer? Puro leninismo.

Fervenza de textos dramáticos

  • Polo que sabemos Fervenza Edicións inicia andaina en 2000, e contra 2001 principia a colección de pezas dramáticas, A Pinguela, cun texto de Olimpio Arca Caldas, Pelexa no souto, un título que mostra de forma precisa a súa vinculación coa dramática rexionalista, á que a editorial prestará especial atención. Pois en efecto, desde aquela xa son 98 os volumes publicados, entre os que debemos salientar algunhas recuperacións especialmente necesarias para documentar o noso patrimonio literario máis popular, como poden ser varios textos de Manuel Daniel Varela Buxán ou Manuel García Barros, algunhas traducións de obra en castelán de Antón Losada Diéguez, pero tamén Ollo cos estudantes de Manuel Bergueiro López, xa publicado en 1930 e representado en Ourense en varias ocasións por alumnado de maxisterio. Con todo, hai entres os títulos desta notable colección unha maior variedade de estilos e rexistros, pois amais de varios textos de Xosé Vázquez Pintor ou Anisia Miranda, tamén atopamos obra de autores coma Xesús Pisón, Manuel Lourenzo, Carlos Labraña ou de autoras coma Teresa González Costa ou Raquel Castro Martínez. Unha colectánea da nosa dramática ampla e chea de sorpresas, na que destacan moitas propostas para a infancia e a mocidade, e non poucas curiosidades, coma o volume que nos ofrece o profesor Xesús Alonso Montero co título de Un xuízo oral ("bilingüe") nunha vila galega no outubro de 1942, no que abrolla a realidade sociolingüística do noso país durante os anos máis duros da posguerra. E por faltar, non faltan nin os clásicos, como a versión que Carlos Loureiro nos ofrece de As falsas confidencias, do gran dramaturgo francés Pierre Carlet de Chamblain de Marivaux. Textos que son todos eles fervenzas de palabras, cheas de vida e de futuro na nosa lingua. Grazas polo traballo e polo compromiso.

Compartir el artículo

stats