Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Uxia: "Novoneyra era un grande amante da música; os seus poemas teñen ritmo"

A cantautora Uxía. FOTO: DAMADRIÑA PRODUCIÓNS

- Como xurdiu este disco monográfico con letras de Uxío Novoneyra?

-En principio, a do disco é unha idea de hai seis ou sete anos, cando fomos convidados a unha homenaxe a Novoneyra na Fundación Manuel María; mais, en realidade, coido que debe vir de moito máis atrás xa que responde á miña devoción absoluta pola poesía de Uxío, en xeral, e por Os Eidos en particular. De feito, éste é un libro que sempre viaxa comigo coma se fose unha Biblia para a miña inspiración. Daquela trátase, pois, dun labor feito pouco a pouco, co transcurso dos anos, e que foi madurando ata ver a luz neste traballo.

- Que criterio aplicaron Vde. e os seus músicos para o proceso de selección dos poemas finalmente incluídos no álbum?

-Foi un proceso moi intuitivo. A medida que ía lendo e relendo os poemas, xa fun apuntando aqueles aos que podía poñerlle música, aínda que a verdade é que Os Eidos é una fonte inesgotábel na que escoller resulta complicado xa dende a primeira páxina.

- A obra de Novoneyra é extensa e moi variada. En xeral, estamos diante dun poeta doado de musicalizar?

-Por una banda, si, e, pola outra, non tanto (risos). É doado no senso de que el tamén era un grande amante da música e un magnífico dicidor de poesía. Por iso a maioria dos seus poemas teñen ritmo, e esa pulsión tan especial que el lles daba. O que pasa é que se algo tiñamos claro, é que nós queríamos facer un disco de cancións, non só limitarnos a interpretar poemas nos que a melodía estivese demasiado condicionada polo texto.Nós queríamos tranformar cada poema nunha canción, que cada tema tivese estructura de canción, de maneira que o reto consistíu en gran medida en trasladar a poesía de Uxío, que é moi enraizada, ao noso xeito de entender e de facer música, que quere ser moi contemporáneo e, ao mesmo tempo, moi mestizo. Por iso no disco pódense escoitar estilos e ritmos moi variados.

- Novoneyra atopou o seu universo vital e literario no Courel. Dentro do proceso de creación deste disco, procurou coñecer máis e mellor a paisaxe e a paisanaxe desa zona para poder identificarse mellor coa poesía de Uxío, ou non foi necesario?

-Coñecer máis a fondo O Courel resultou imprecindíbel para min. É difícil entender a poesía de Novoneyra, tan telúrica e tan perto da terra, sen ter estado alí, nese milagre da natureza, caos súas árbores, os seus ríos, o silencio estremecedor da montaña?e ata a súa propia casa, da que, por certo, nos abriron as portas a sua viúva, Elba, e mais os seus fillos.

- Como xa dixo Vde. antes, dende o punto de vista musical, o disco é moi variado, incluíndo varios estilos. Déronlles moitas voltas á hora de atopar a música que requería cada poema? Por outra banda, o material literario que manexaron, daría incluso para outro, ou máis, discos con poemas de Novoneyra?

-Si, isto último é o "problema" (risos), bendito problema, obviamente. De feito, dende que acabamos de publicar o disco, xa lle puxemos música a dous poemas máis, que interpretamos tamén nos concertos en directo como agasallo ao público que vén vernos actuar. Ademais, tamén hai outra canción que parte dun texto propio co que quixen renderlle a miña humilde homenaxe? En fin, que non sei se máis adiante gravarei outro disco con poemas de Uxío, ou se se editará una edición especial deste, engadíndolle temas novos?

- Todas as músicas son súas e de Sergio Tannus, agás "Caín as follas", que é de Emilio Cao. Por que esa excepción?

-Foi un tributo agarimoso que eu quixen ofrecerlle a Emilio, un pioneiro da música celta en Galicia, quen non só me descubriu a poesía de Novoneyra, senón que tamén mo presentou persoalmente. Foi en Compostela, e lembro quedar fascinada con Novoneyra, porque era un home moi agarimoso e, ao tempo, moi sabio. Daquela, a obra de Emilio Cao sobre Novoneyra inspirounos moitísimo e, en concreto, "Caín as follas" é una canción fernosísima á que nós lle fixemos uns pequeniños arranxos para que soase ao noso xeito.

- Non é a primeira vez que a edición dun disco fai moito máis popular e visíbel a obra dun poeta. Sentiríase satisfeita se este traballo servise para facer máis coñecida, e recoñecida, a obra de Novoneyra tanto dentro como fóra de Galicia?

-Ese é o obxectivo, claro. O que pasa é que Novoneyra, como Rosalía ou Manuel María, aos que tamén musiquei, son poetas xa moi populares. Pero, vaia, eu coido que sempre se pode dar un pasiño máis no seu coñememento e recoñecemento e, polo tanto, disfrute, tal e como xa fixeron otros moitos músicos galegos, dende Batallán a Fuxan Os Ventos, pasando por Suso Vaamonde ou Pilocha, que foron quen de dar un pulo á obra dos poetas galegos contemporáneos aos que eles musicaron. Si, por suposto que me sentiría satisfeita de ter aportado o meu grao de area e que servise para que a poesía de Uxío chegase ata quen aínda non a coñece.

- Nese labor ten moita importancia o achegarse aos rapaces, algo no que Vde. ten xa sobrada experiencia en discos e espectáculos como os de María Fumaça, entre outros. Quixera que me falara destas experiencias co público máis novo.

-Pois, que podo dicir? Son experiencias moi especiais. Nada resulta tan gratificante como cantar para os nenos e nenas, e para as súas familias.Canto á María Fumaça, en particular, trátase dun espectáculo e dun Cd-libro que teñen o seu xermolo na reivindicación da diversidade, do dereito a ser diferentes e, ao tempo, iguais.

- Que outros/as poetas galegos figuran na súa axenda como moi propicios para facer discos integramente dedicados, sexa a curto, medio ou longo prazo?

-Xa que o mencionas, eu creo que todas as mulleres poetas galegas contemporáneas son fantásticas e, nese senso, gustaríame facer algo arredor das súas obras. Aínda que non sexa galego, tamén teño en mente, dende hai tempo, gravar un disco con textos de José Saramago; é algo que me fai moitísima ilusión. E, ben, se che son sincera, de cada poeta que leo e me gusta, deseguido que me entran gañas de poder facer algo musical coas súas composicións.

Compartir el artículo

stats